Continúan as manifestacións antitouradas en Galicia, esta é o turno de Pontevedra. O movemento antitouradas reúne apoios de máis de 50 colectivos sociais, culturais, ecoloxistas e animalistas, que se sumaron ao evento organizado por 'Touradas fóra de Pontevedra' para manifestarase o próximo sábado 10 de agosto en Pontevedra ás 20.00 horas por quinto ano consecutivo.
A manifestación coincidirá coa feira da Peregrina e o día central das festas locais. Os organizadores insisten en que o importante é "o cambio de vontades" que implica que 51 colectivos o avalen e se sigan sumando apoios: "cada vez hai máis xente que se postula publicamente contra a tortura animal, un evento que non é ético nin forma parte da cultura da democracia e dos dereitos humanos". "Ningunha suposta tradición, nin os crueis gustos dunhas cantas persoas xustifican a continuidade dun espectáculo embrutecedor, baseado na tortura, a dor e a morte dun animal e que só se mantén grazas a vergoñentas axudas públicas", inciden.
"Cada vez hai máis xente que se postula publicamente contra a tortura animal, un evento que non é ético nin forma parte da cultura da democracia e dos dereitos humanos"
Piden a implicación das administracións contra as corridas de touros. Ao Goberno estatal reclámanlle as mudanzas lexislativas necesarias para a abolición das touradas e a paralización da súa promoción e subvención con diñeiro público. Á Xunta, que modifique a Lei 1/1993, de Protección de animais domésticos ou salvaxes en cativeiro, que exclue no seu artigo 5º as touradas, para que prohíba estas actividades. Á Deputación Provincial de Pontevedra, que deixe de financiar "directamente ou de forma encoberta" as celebracións taurinas de Pontevedra. E ao Concello, que se declare Cidade Antitouradas e Amiga dos Animais e que deixe de usar os espazos públicos para a promoción das touradas. Estas peticións serán formalizadas o próximo venres 9 de agosto, cando acudirán á Subdelegación do Goberno de Pontevedra para entregar no rexistro escritos dirixidos ás distintas administracións.
Ademais, o colectivo 'Igualdade Animal' organiza para o mesmo sábado ás 11.30 horas unha cadea humana que rodeará a Praza de Touros e rematará con cinco minutos de silencio coas mans alzadas e tinguidas de sangue artificial en recordo das "miles de vítimas que se cobran cada ano os festexos taurinos".
Afirman que é moi importante ir dando "pasos concretos", coma a creación da Frente Antitouradas no Parlamento e a iniciativa abolicionista que "só un PP sen argumentos, aferrado á súa visión ideolóxica, impediu que fose aprobada".