"A sentenza da UE ampáranos ante os desafiuzamentos"

Manifestación contra os desafiuzamentos en Ferrol este 16F Dominio Público @pedrocanido

Os colectivos de Stop Desafiuzamentos de Galicia "celebran" a sentenza do Tribunal de Xustiza da UE que declara abusiva e ilegal a lexislación española sobre desafiuzamentos por vulnerar a normativa comunitaria ao non protexer suficientemente os cidadáns ante as cláusulas abusivas nas hipotecas.

"Reforza as nosas teses e aumenta a defensión da xente ante o risco de desaloxo", asegura Héctor Tejón, un dos voceiros do colectivo coruñés, que ve "curioso" que sexa unha normativa supraestatal a que "acabe por defender os dereitos dos consumidores". O portavoz fíxase nese detalle, o feito de que a a xustiza europea fale de "consumidores" e "non do dereito vivencial". "Aínda asi, é un avance porque supón unha garantía real e o recoñecemento dun marco xurídico onde ampararse", insiste.

"É un avance porque agora sabemos que hai un marco xurídico onde ampararse"

Desde a Plataforma de Afectados pola Hipoteca de Tui-Vigo decláranse "contentísimos" polo ditame do tribunal europeo, aínda que recoñecen a "incertidume" que lles crea o feito de que o ditame sexa de obrigado cumprimento, pero non vinculante. "Dependerá da sensibilidade dos xuíces, pero entendemos que os maxistrados xa están sensibilizados e hanse acoller á sentenza para deter esta situación inxusta", insisten, logo de destacar que a sentenza de Europa baséase nunha cláusula abusiva referente a uns intereses de demora do 18%. "Nós temos casos en Vigo con intereses de demora moito maiores e hai un caso paralizado nun xulgado que estaba á espera deste ditame", aseguran esperanzados, conscientes de que moitos maxistrados tan só agardaban a confirmación da noticia para paralizar os desafiuzamentos.

"Tivo que ser a xustiza da UE, a mesma que nos impón os recortes, o que obriga o Estado a modificar unha lei inxusta"

Suso Pazos, voceiro de Stop Desafiuzamentos Ferrol, considera a sentenza "un paso grande" que "terán que ter en conta os tribunais españois". "Terán que tomar boa nota sobre un ditame que senta xurisprudencia", insiste, tras reparar tamén no feito de que sexa precisamente a xustiza da UE, "a mesma que impón os recortes e nos quita soberanía", a que acabe por obrigar o Estado a modificar unha "inxusta" lei hipotecaria. "Os xuíces estaban a piques de declararse insubmisos ante tal inxustiza e isto permitirá que os maxistrados poidan agora actuar", insiste.

Para Héctor Tejón, de Stop Desafiuzamentos Coruña, a sentenza "abre un novo escenario" porque agora "si que se lle dá marxe a un xuíz para que teña en conta os condicionantes de cada desaloxo". "É unha forma de dicirlle aos bancos que os cidadáns teñen que ter garantías e un xeito de darlle maior liberdade de interpretación aos maxistrados entre os escasos dereitos que temos nesta situación", engade.

"Temos que seguir empurrando porque sen a presión social isto non sería posible"

No entanto, Tejón cre que os despexos "teremos que seguir parándoos nós". "Temos que seguir empurrando porque sen a presión social isto non se tería dado; o amparo desta sentenza chega logo de que un cidadán dixese que xa abondaba", asegura, tras lembrar que queda pendente aínda a reforma dunha lei de alugueiro igual de inxusta e que provocará máis casos como o coñecido de Aurelia Rey nun futuro inmediato.

Héctor Tejón, un dos voceiros de Stop Desafiuzamentos Coruña © Stop Desafiuzamentos
Manifestación contra os desafiuzamentos en Ourense © Jorge M. de la Calle

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.