A SGHN alerta das eivas do plan forestal da Xunta

Forestación de Eucaliptos CC-BY-NC-SA AFG

A Sociedade Galega de Historia Natural vén de presentar as súas alegacións á Revisión do Plan Forestal de Galicia, promovida pola Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, sinalando que-entre outras cousas- o texto ignora os problemas de erosión e que prevé un incremento excesivo da masa forestal. Critica un exceso de "triunfalismo" en todo o documento presentado.

A entidade lembra que "a metade das árbores de Galicia teñen menos de 10 centímetros de diámetro" e que "tres de cada catro teñen menos de 15 centímetros

A entidade lembra que "a metade das árbores de Galicia teñen menos de 10 centímetros de diámetro" e que "tres de cada catro teñen menos de 15 centímetros. Así mesmo, subliña que os eucaliptos (287.984 ha en masas monoespecíficas e máis de 500.000 ha en total) “xa son os principais protagonistas da paisaxe forestal galega, que cada vez se asemella máis a de un anaco de Australia".

A SGHN denuncia que o plan afirma que “a maior parte do territorio galego non presenta serios problemas erosivos pois pouco mais da quinta parte (21%) sofre problemas erosivos graves ou moi graves“, o que cualifica de "afirmación moi irresponsable" pois "eses problemas de erosión implican que nunha quinta parte do territorio galego a vida útil do solo (recurso non renovable á escala temporal humana) é inferior a 25 anos".

Outro dos aspectos dos que alerta é que o plan prevé a posibilidade de "incrementar a produción ampliando a superficie forestal arborada un 15% con especies forestais produtivas e frondosas autóctonas”. E que ademais tamén se pretende “poñer en valor a superficie non arborada incrementando a produción de pastos e forraxes en monte” en ata 225.000 hectáreas. Polo tanto, subliña, a posta en práctica do plan "suporía reducir de 600.000 a 125.000 hectáreas o monte “non arborado e non adicado a pastos e forraxes”.

Outro dos aspectos dos que alerta é que o plan prevé a posibilidade de "incrementar a produción ampliando a superficie forestal arborada un 15%

Pola contra, a SGHN considera moi acertada a afirmación de que “debe aumentarse a superficie arbórea ocupada por coníferas e bosques de frondosas autóctonas en detrimento dos eucaliptais”, que xa sobrepasaron "moi amplamente" a superficie prevista no plan forestal de 1992. Pero para iso a SGHN pide deseñar e implementar un plan para a eliminación progresiva, pero rápida, de eucaliptos en todos os terreos de titularidade pública. De igual xeito, aposta por promover a súa eliminación progresiva en toda a rede de espazos naturais protexidos de Galicia, con incentivos económicamente atractivos aos propietarios para a súa substitución por frondosas autóctonas. Demanda esixir sen dilacións a eliminación de todas as plantacións que se teñan feito sen os preceptivos permisos.

A entidade tamén apoia outras directices presentes no plan, coma o “aumento da superficie de monte público sobre todo en espazos naturais protexidos, montes protectores e parcelas colindantes" ou "aumentar decididamente a superficie de frondosas autóctonas e os bosques mixtos".

Finalmente, sinala que "calquera proxecto para o aproveitamento de fontes enerxéticas renovables, máxime se está financiada directa ou indirectamente con fondos públicos, deberá demostrar obligatoriamente uns efectos neutros ou positivos sobre a biodiversidade, os espacios naturais, e os aspectos socioeconómicos". E só considera adminisible a utilización de biomasa para usos térmicos industriais "despois dunha auditoria enerxética e de gases de efecto invernadeiro (GEIs) que certifique un balance favorable no consumo de combustibles fósiles e emisións de GEIs considerando globalmente a recollida, transporte, preparación e combustión da biomasa".

Este verán o Consello de Contas alertou de que a Xunta estaba a incumprir o seu propio plan forestal ao gastar máis no lume que en ordenar o monte

Este verán o Consello de Contas alertou de que a Xunta estaba a incumprir o seu propio plan forestal ao gastar máis no lume que en ordenar o monte. O ente fiscalizador lembraba que o plan prevía dedicar ao total de políticas forestais “en torno a un 3% do total” dos orzamentos autonómicos, pero que  “no cuarto quinquenio de execución do Plan (2008-2012) as políticas forestais contemplábanse no orzamento inicial cun peso que ronda o 1,55%”, cifra que ao analizar a súa execución real cae ao 1,44%.

Forestación de Eucaliptos CC-BY-NC-SA AFG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.