A Sección Antela da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de poñer en marcha unha iniciativa que defende como "totalmente innovadora" en Galicia. A entidade chegou a un acordo para alugar durante trinta anos catro predios de propiedade pública (Bantegal, Xunta de Galicia) na comarca da Limia para dedicalos á gandaría de vacún en extensivo, grazas á colaboración entre a SGHN e un gandeiro limián.
A sociedade defende que os terreos "aumentarán o seu valor natural como illa refuxio de biodiversidade para flora e fauna", grazas á xestión de que serán obxecto: "mantemento de todo o arborado maduro, recuperación do pasteiro nas zonas invadidas por vexetación arbustiva e explotación gandeira en extensivo". Esta explotación gandeira será ademais "unha achega, modesta pero real, cara un desenvolvemento sostible que contribúa a fixación de poboación no medio rural", defende a SGHN.
Esta explotación gandeira será ademais "unha achega, modesta pero real, cara un desenvolvemento sostible que contribúa a fixación de poboación no medio rural", defende a SGHN
Así mesmo, co asesoramento da sociedade ambientalista, o aproveitamento gandeiro en extensivo garantirá que nun dos catro predios se conserve unha pequena zona co hábitat prioritario na Unión Europea segundo a Directiva Hábitat (Matogueiras húmidas atlánticas de Erica ciliaris e Erica tetralix). Ademais, indican que a recuperación dos predios como pasteiros favorecerá a conservación de outras especies vexetais de interese. Simultaneamente, engaden, este sistema de explotación e xestión "terá efectos positivos sobre as poboacións de hérpetos, aves e mamíferos, moitos deles insectívoros e, xa que logo, beneficiosos para o control de plagas nos predios cultivados da contorna".
A SGHN destaca que este é o primeiro paso dun "camiño" que a entidade quere "percorrer" xunto cos habitantes da comarca da Limia "na procura dun desenvolvemento real baseado na sostibilidade social, demográfica, económica e ecolóxica". Esta iniciativa é para a Sociedade "outra forma" de implicarse protección do patrimonio natural galego, en paralelo con outras accións de estudo, conservación ou divulgación.