"A sociedade está adormecida; non vexo un pobo activo en defensa do medio ambiente"

Virxinia Rodríguez, presidenta de Adega CC-BY Adega

Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) celebrou este sábado a súa 38ª asemblea xeral. Baixo o lema Mareas de Dignidade, os socios deste veterano colectivo, que leva case catro décadas defendendo o medio ambiente no país, debateron sobre "a resposta ecoloxista e social á perda de dereitos -tamén ambientais- achegando propostas para avanzar cara á sustentabilidade". Na xuntanza, onde se entregaron tamén os premios Osíxeno, o grupo acordou as súas resolucións, exixindo da Xunta un posicionamento negativo á permanencia de ENCE na ría de Pontevedra máis aló de 2018, reclamando o rexeitamento definitivo do proxecto de Corcoesto, así como a retirada da lei de minería do Goberno de Feijóo. Ademais, solicita a todos os responsábeis municipais galegos que promovan nos seus concellos, mancomunidades e deputacións sistemas alternativos para o tratamento do lixo á marxe ou complementares con Sogama. A mellora na xestión dos residuos será o "eixo fundamental" no que se basee a actividade de Adega para este ano, no que seguirá loitando pola defensa ambiental do país. A súa presidenta, Virxinia Rodríguez, explica en Praza os propósitos para este 2014.

Como foi a asemblea xeral de Adega?

Avaliamos o traballo do pasado ano e establecemos as nosas liñas estratéxicas para este que empeza. Foi un proceso de reflexión e debate, pero máis de traballo ao non haber cambio de dirección como noutras ocasións.

"A sociedade está moi pouco mobilizada e iso implica unha sobrecarga de traballo en Adega"

Que balance fai Adega do pasado ano?

En xeral, a percepción é que a sociedade está moi pouco mobilizada e isto implica que hai unha sobrecarga de traballo en Adega, que ten que atender a moitas cousas e afeccións medioambientais no país: a minería, o problema das rías e a resolución negtativa de Europa, o modelo urbanístico, a lei do solo...

Cales serán as liñas estratéxicas para este ano que comeza?

Marcamos unhas liñas estratéxicas fundamentais e marcámonos como eixo fundamental o tema dos residuos. Presionaremos as administracións, locais ou provinciais, para que implementen planos alternativos a Sogama, pero traballaremos tamén coa cidadanía, porque este non é só un problema de concepto e dun modelo malo e esgotado, senón que a xente ten que entender tamén que temos que reducir os residuos, o consumo de plásticos e de materiais que non son renovables... Non só temos que demandarlle aos gobernos modelos alternativos, senón pular para que a cidadanía tamén colabore nun novo modelo. Esta será a nosa gran campaña, pero obviamente seguiremos traballando noutras liñas, nas habituais.

O caso Barreiros é un exemplo do traballo de Adega?

O caso Barreiros foi un éxito porque a Xutiza deunos a razón e conseguimos aforrar os moitos millóns de euros que ía implicar o modelo que se ía aplicar. Que o TSXG nos dese a razón fai que sigamos loitando na mesma liña e para evitar que no futuro se opte por este modelo urbanístico e de construción salvaxe que agora está paralizado pola crise pero que pode volver.

Fala do modelo de xestión de residuos como o eixo fundamental para o debate este ano, cre que falta concienciación na sociedade?

Houbo unha importante resposta ás incineradoras en varias localidades e iso foi moi importante, pero tamén hai problemáticas noutros lugares como na Coruña, onde é deficitaria a separación de materia orgánica en Nostián. O tema dos residuos foi sempre estratéxico para Adega, pero agora será o noso eixo central no territorio, ademais de todas as denuncias que teñamos que facer, como pola lei do solo que se nos vén enriba ou pola situación dos ríos ou das rías, da que seguimos reclamando un saneamento integral que non chega.

"O informe das rías foi desalentador; pensabamos que Europa era a solución a moitos problemas, pero ata alí funciona a presión de PP e PSOE"

Que lle pareceu o informe aprobado pola Comisión de Peticións do Parlamento Europeo?

Foi un resultado desalentador. A Comisión de Peticións da UE rebaixou o grao de déficit que teñen as nosas rías. Pensabamos que Europa era a solución a moitos dos problemas e afeccións que denunciamos, pero incluso alí as presións do PP e do PSOE provocan que se rebaixen as exixencias. Por isto lles demos o premio Dioxina.

Di que hai pouca mobilización da sociedade polos problemas medioambientais.

Dada a situación actual, a xente percibe que as problemáticas da sanidade ou da educación están por riba da problemática medioambiental. Logo daquela masiva manifestación de Nunca Máis de hai once anos, neste pasado ano a loita contra a minería salvaxe e contaminante provocou outra importante manifestación e iso foi algo moi positivo, pero a sensación é que hai pouca involucración da sociedade nos problemas medioambientais. Para a xente, hai otras prioridades e isto provoca que se dilúan as agresións que sofre o país e que sufriremos máis aínda e moi axiña.

"A xente sitúa os problemas en sanidade e educación por riba da problemática medioambiental e por aí cóanse cousas como a lei do solo ou a política mineira da Xunta"

Pero Corcoesto paralizouse...

Corcoesto está paralizado momentaneamente, pero a proposta de Adega é que a Xunta diga que non definitivamente ao proxecto. Hai moitas máis solicitudes de explotacións mineiras, moitas prospeccións no territorio e a lei de minería da Xunta pode afectar gravemente o patrimonio etnográfico e espazos naturais. É unha problemática que temos aí e coa crise, Galicia préstase a ser colonizada pro empresas foráneas, pero tamén empresas de aquí, coa escusa de crear traballo, están dispostas a furar todo o pais. A sociedade prioriza outras temáticas e por aí cóanse outras como a lei do solo ou a política mineira...

É a paralización da minería agresiva un obxectivo fundamental do ecoloxismo?

Non dicimos que non de maneira radical á minería. Entendemos que Galiza foi un pais mineiro, as nosas casas son de pedra e eu estou falando por un móbil que ten materiais de extración mineira. Hai que dicir non á minería contaminante porque hai medios que permiten extraccións menos daniñas e por aí é por onde temos que ir. Obviamente, temos que defender toda a reciclaxe e recuperadción de minerais posible, porque son un recurso esgotable e tamén debemos evitar a súa esquilmación.

"Coa crise, Galicia préstase a ser colonizada por empresas foráneas que, xunto a outras de aquí, queren furar todo o país"

Ten que unirse máis o ecoloxismo galego?

Temos que estar unidos e fortalecidos para o que nos pode vir, ter unha proposta conxunta e, se cadra, deberiamos de traballar máis en conxunto para despois ter voz única, aínda que con matices, establecendo liñas marco para achegar as problemáticas medioambientais ao resto da sociedade, que en moitos casos ten outros intereses. Temos que facernos escoitar máis.

E como se poden facer escoitar máis?

Como a sociedade está adormecida, os movementos ecoloxistas temos que estar á altura. Entendemos que temos que fortalecer o movemento ecoloxista e crear sinerxias entre todas as entidades para traballar. Temos que estar unidas no que poidamos estar unidas. Hainas máis conservacionistas ou máis gremiais, pero temos que facerlle ver á sociedade o importante de conservar o medio. Debemos fortalecer as sinerxias entre grupos e alianzas con outros sectores se cadra non tan ecoloxistas pero nos que temos puntos en común en diferentes ámbitos.

"Os movementos ecoloxistas temos que estar á altura, fortalecer sinerxias e traballar máis en conxunto, cunha voz única"

Fáltanlles altofalantes para chegar á sociedade?

Para nós esta crise é unha crise ambiental, pero somos voces silenciadas, moitas veces tamén polos medios de comunicación. A sociedade, sendo sensible ambientalmente, ten outras problemáticas que priorizan sobre esta. Ante isto, temos que traballar a pé de rúa e lograr que a temática ambiental non sexa secundaria ou terciaria, pero sabemos que é moi difícil.

Pero a resposta ao proxecto de Corcoesto foi moi louvada por masiva e intensa...

No caso da minería a resposta foi boa e digna. Sorprendeu que houbese tanta mobilización, pero foi algo moi puntual. Se hoxe quixeras mobilizar toda esa xente, non sei se se conseguiría. Si que houbo moita forza e a través do vídeo da SGHN e outras campañas conseguiuse que a sociedade se mobilizase. Corcoesto arrastrou todo, pero non é un problema de Corcoesto só, senón algo global, da lei de minería e da política que leva a cabo a Xunta. Hai que modificala porque é prexudicial e da época franquista e é un problema estratéxico.

"A sociedade non percibe que o sistema é o que non funciona; a xente quere volver vivir como antes e consumir como antes sen cuestionar o modelo"

Está a sociedade adormecida?

Insisto que, de todos os xeitos, non percibo unha sociedade activa en defensa do medio ambiente, percibo unha sociedade adormecida, expectante e nun estado derrotista, como se fose imposible loitar contra o sistema. A sociedade non percibe que o sistema é o que non funciona, a sociedade quere volver ao consumo de antes, a viaxar por 15 euros a Londres, a ter tres casas... O problema é loitar contra esta comodidade e esta sociedade de consumo, onde non se cuestiona o modelo. Somos dez ou quince os que o cuestionamos e somos conscientes de que non se pode continuar así; temos que asumir que non é viable. A sociedade quere seguir consumindo como consumía e vivir como vivía.

Asemblea xeral de Adega © Ramsés Pérez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.