A suba do canon de Sogama podería ser inconstitucional

Casa do Concello de Piñor Dominio Público Xas

O Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense vén de atender unha demanda do Concello de Piñor contra a suba do canon de Sogama e elevará o caso ao Tribunal Constitucional. O xuíz considera que a Lei de Orzamentos de Galicia 11/2013, de 26 de decembro de 2013, a través da que a empresa aplicou un incremento do 34% do canon cobrado aos concellos pola recollida e xestión do lixo podería ser inconstitucional. O pasado mes de xaneiro, no comezo deste ano electoral, a Xunta decretou un descenso do 10% no canon, reducindo algo a suba total.

Máis de vinte concellos negáronse dende un primeiro momento a pagar esa suba, denunciando que se tratara dunha decisión unilateral. Un deles foi o de Piñor, en Ourense, gobernado polo PSdeG-PSOE. Por exemplo, o pasado ano Piñor pagou os 15.400 euros que consideraba que lle correspondían, e non os 18.000 reclamados por Sogama. Isto fixo que a empresa presentase catro recursos contenciosos administrativos, ao igual que veu facendo contra outras entidades insubmisas. En resposta Piñor presentou este recurso de inconstitucionalidade, a través do avogado Pedro Trepat. Un recurso que é atendido e que continuará o seu camiño ata o Tribunal Constitucional, abrindo agora o Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense un período para que as dúas partes presenten alegacións. 

Isto podería paralizar todos os procesos abertos aos concellos que se negaron a pagar, presentados por gobernos municipais de cores políticas distintas, nomeadamente de BNG e PSdeG-PSOE. O Concello de Catoira foi por exemplo condenado hai uns días a pagar 19.748 euros por facturas non aboadas previamente, en desacordo co forte incremento do canon. O BNG recorreu tamén a nova regulación do canon de SOGAMA, que indica que no caso de que un Concello non pague o canon correspondente, Sogama retirará do Fondo de Cooperación Local os cartos adebedados. O Bloque denuncia que esta norma busca "amarrar os concellos".

O Xulgado do Contencioso Administrativo Número 2 de Ourense, que recentemente xa paralizou a demanda presentada por Sogama contra o Concello de Piñor, á espera da resolución do conflito de constitucionalidade, sinalou que a disposición adicional incluída na Lei de Presupostos estaba "dirixida a elevar o rango dunha decisión que se debeu emitir mediante unha resolución administrativa, coa finalidade de furtar o seu control á xurisdición contencioso-administrativa". De igual xeito, engadía que a lei vulneraba o principio de autonomía local, incumprindo "a lexislación básica estatal sobre contratos públicos", pois a Lei de Presupostos "non é o instrumento legal axeitado" para regular a xestión de residuos, impedíndolles aos concellos presentar alegacións a unha decisión administrativa "que lles afecta directamente".

Pancarta contra a suba do canon no Concello de Ordes © Concello de Ordes
Instalacións de Sogama en Cerceda © Sogama
Casa do Concello de Piñor Dominio Público Xas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.