A Subdelegación do Goberno segue a multar activistas sociais da Coruña

Jorquera e Carril entran na Delegación do Goberno CC-BY-SA M. Pereira

A Subdelegación do Goberno da Coruña vén de enviar dúas propostas de sanción máis contra persoas que participaron en mobilizacións en apoio ao dereito á vivenda e contra os recortes sociais. Tal e como denuncia Stop Desafiuzamentos, con estas son xa 13 os cidadáns expedientados pola Administración na cidade, logo dos tres pendentes de xuízo por supostamente impedir o paso do camión de bombeiros no intento de desaloxo de Aurelia Rey e dos oito sancionados -entre eles o deputado Francisco Jorquera- por "instigar as masas" durante o mesmo intento de desaloxo.

Stop Desafiuzamentos denuncia que xa son 13 os activistas denunciados e advirte de sancións de 6.000 euros

Ademais, e segundo recorda Stop Desafiuzamentos, dous cidadáns máis foron advertidos de sanción por supostamente negarse a identificarse ante axentes da Policía, malia que o colectivo insiste en que os dous implicados acabaron por presentar o seu DNI.

"En total, son aproximadamente 6.000 euros os que o Estado quere cobrarnos por ternos atrevido a denunciar publicamente que está a aplicar de xeito consciente medidas políticas agresivas contra a poboación para, co diñeiro que nos quita, poder seguir financiando ás entidades bancarias que crearon esta crise, ao tempo que continúan a alimentar a espectacular corrupción aniñada na política española", denuncia Stopo Desafiuzamentos, que acusan o Concello e a Subdelegación de "seguir as pautas do Goberno central do PP" e "vulnerar sistematicamente o dereito á liberdade de expresión e manifestación, non só a través de prohibicións e poñendo toda clase de absurdas trabas, senón a través da coacción e o medo en forma tanto de violencia física –despregando dotacións de antidisturbios ante a mínima convocatoria de mobilización-, como económica, a través dun sibilino goteo de sancións económicas que apuntan, precisamente, aos colectivos de persoas que máis están sufrindo nestes momentos: desempregadas, preferentistas, desafiuzadas…", di.

"Estas sancións van máis aló de ser un castigo do Goberno a quen participamos habitualmente en mobilizacións sociais: é insistir na súa estratexia do medo, da inseguridade, un intento de amedrentar a cidadanía, de disuadirnos para que esteamos calados, para que non saiamos a rúas, para que non nos organicemos para loitar contra a inxustiza. Por que? Porque saben que se nos unimos podemos facerlles fronte", insiste o colectivo, que xa convocou unnha manifestación para este xoves 11 ás 20 horas no Obelisco baixo o lema Múltannnos a nós para asustarte a ti

 

 

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.