A TVG externaliza en bloque boa parte das súas retransmisións

Sede da CRTVG, en Santiago © CRTVG

A TVG externalizará boa parte dos seus programas. Iso é o que denuncia o comité interempresas da CRTVG, que advirte de que a Televisión de Galicia está a tramitar un concurso público para "externalizar en bloque parte das retransmisións que efectúa ao longo do ano". Con este concurso, ao que só se presentou a empresa SeteMedia, a produtora privada "podería realizar ata trinta retransmisións de eventos televisivos en vinte e catro meses por preto de 150.000 euros", segundo denuncian os representantes dos traballadores.

A CRTVG tramita un concurso público para externalizar ata trinta retransmisión de eventos por 150.000 euros

A CRTVG dá así un paso máis na externalización e privatización. Para os sindicatos supón "traspasar unha liña vermella", xa que é a primeira vez nos trinta anos de existencia do medio público "no que esa importante parte da produción pasa a mans privadas de xeito deliberadamente programado". "É inadmisible cando a TVG conta con catro unidades móbiles tecnoloxicamente avanzadas que xa estaban infrautilizadas, mesmo paradas, con escusas como que non se poden cotratatar condutores para desprazas uns camións nos que se investiron catro millóns de euros", asegura o comité nun comunicado.

O comité aclara que a medida "supón traspasar unha liña vermella" na privatización

As consecuencias desta "privatización", segundo os traballadores, son que o persoal da TVG destinado tradicionalmente a efectuar as retransmisións -"e que conta cunha enorme experiencia e cualificación", lembran- quede "practicamente inactivo", mentres se "destinan milleiros de euros a subcontratar unhas tarefas que poden perfectamente facerse con recursos propios".

O comité lembra que esta nova decisión -"contraria aos principios de austeridade e eficiencia económica que establece a administración pública"- vén sumarse a outras "prácticas de mala xestión" por parte da actual directiva como o recente investimento de 600.000 euros nunha unidade transportable para efectuar conexións vía satélite que "unicamente se emprega na quenda de tarde pola decisión da empresa de non contratar persoal para operala durante as quendas matinais e de fin de semana".

"Persoal da TVG con enorme experiencia e cualificación queda practicamente inactivo", denuncian

"Por non asumir ese irrisorio gasto na contratación de persoal, TVG asina contratos con empresas privadas por valor de millóns de euros anuais para realizar conexións en directo nos espazos informativos", insiste o comité de empresa, que advirte de que estas conexións nas que particpan redactores alleos á compañía pública "supón unha grave vulneración da Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia". Dita lei, no seu artigo 35 prohibe expresamente a cesión a terceiros das tarefas dos informadores.

O director xeral da CRTVG, nun acto público © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.