A Universidade de Vigo aplica o decreto Wert e o claustro da USC tomba os orzamentos

Carteis pedindo a dimisión do reitor no Claustro da USC Dominio Público @comitesabertos

A Universidade de Vigo vén de aprobar a aplicación do decreto Wert na institución académica logo dun Consello de Goberno celebrado a porta pechada, con tan só dez dos seus membros e ante as protestas de profesores, traballadores e estudantes que denuncian os recortes e despidos que suporá esta medida. Logo de que a mobilización impedise o pasado xoves a xuntanza do equipo de goberno, esta volveuse convocar para este venres a primeira hora, pero xa cun amplo despregamento de seguridade privada que impediu o paso á reunión de alumnos, traballadores e do Persoal Docente Investigador (PDI) e de Administración e Servizos (PAS) que se pecharan na reitoría desde o pasado mércores.

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo estivo 'blindado' por varios gardas de seguridade privada

Pola contra, os orzamentos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) volveron ser rexeitados no claustro celebrado na mañá deste venres con 94 votos en contra, 67 a favor e 16 abstencións. Foi unha votación realizada entre peticións de dimisión do reitor Casares Long e con novas protestas da comunidade universitaria, que amosou o seu desacordo cos "recortes que se están impoñendo nas universidades". Así, presentáronse catro emendas á totalidade destas liñas xerais refeitas tras os recortes derivados dos Orzamentos da Xunta e nas que se pediu a retirada do documento por confirmar "o desmantelamento da universidade pública", como lembrou o representante do colectivo de PAS A Trabe, Antonio Pérez Casas.

As organizacións estudantís, o profesorado e os traballadores que levan meses protestando contra a situación da USC entenden que as liñas xerais do orzamento propostas polo Reitor repiten os recortes coa mesma literalidade que o Goberno galego. Así, o colectivo A Trabe entende que a Universidade debe denunciar a lei de orzamentos xerais da Xunta por incumprir garvemente plan de finaciamento do SUG 2011-2015. Liga Estudantil ou os Comités incidiron na "deslexitimización" do reitor e chegaron a pedir a súa dimisión, acusándoo de ser "o brazo executor do PP e de Feijóo" na USC.

O Claustro da USC botou abaixo uns orzamentos que A Trabe ou as organizacións estudantís censuran por "repetir os recortes da Xunta"

Por outra banda, os cocentrados en Vigo protestaron tamén contra os "recortes que está sufrindo o conxunto da Universidade e contra a aplicación do decreto Wert". Segundo os colectivos que se manifestaron, o equipo reitoral decidiu a aplicación deste decreto "malia a posición contraria da comunidade universitaria e de todas as centras sindicais agás unha", e censuran que o reitor Salustiano Mato optase por unha aplicación "de máximos" da normativa, o que implicará, segundo eles, "a redución do cadro de persoal de 300 profesores asociados".

Os colectivos que protestan en Vigo denuncian no xulgado a prohibición de entrada no Consello de Goberno e impugnarán os acordos

A prohibición da entrada ao Consello de Goberno destes membros da Universidade -que se tiveron que identificar co carné universitario á porta da reitoría- foi denunciada ante o Tribunal de Garantías, pero os colectivos concentrados decidiron tamén presentar unha denuncia ante o xulgado de garda por un veto que consideran "ilegal", xa que os consellos "deben ser abertos para a comunidade universitaria". Ademais, tamén impugnarán os acordos aos que chegou este venres a Universidade.

Ademais, os colectivos que protestan contra os recortes censuran que o Consello de Goberno aprobase todos os puntos da orde do día en tan só vinte minutos. "Queren aplicar o decreto Wert a toda costa", din.  Do mesmo xeito, as protestas denuncian tamén o "empeoramento da calidade" da institución académica, así como "a masificación das aulas, a precariedade laboral e a perda de calidade docente e investigadora". "Curiosamente, os recortes non afecta aos altos cargos da Universidade", destacan.

As mobilizacións continuarán nos vindeiros días e xa hai varios profesores que confirmaron que trasladarán as súas clases ás rúas da cidade de Vigo durante a próxima semana nuns actos reivindicativos que pretenden denunciar a situación na que queda a Universidade.

Carteis pedindo a dimisión do reitor no Claustro da USC Dominio Público @comitesabertos
A sala de Xuntas da Universidade de Vigo, baleira polas protestas Dominio Público @hugo_guezeta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.