O grupo vigués Toysal pretende instalar en Teo unha planta de reciclaxe para o tratamento anual dunhas 90.000 toneladas de residuos de orixe animal, xurros e lodos para a obtención de biogás e fertilizantes. Prevista na parroquia de Calo, no espazo que anteriormente ocupou unha mina a ceo aberto en Casalonga, situaríase a tan só 400 metros dun núcleo de poboación e ocuparía uns 135.000 metros cadrados, a menos de dous quilómetros de onde viven 4.000 persoas e a uns seis doutras 50.000. O proxecto causou alarma entre a veciñanza máis afectada, que vén de constituír unha plataforma coa que intentar evitar a chegada dun proxecto que require da autorización da Xunta.
A empresa Toysan quere montar unha planta de reciclaxe de residuos animais, xurros e lodos na antiga canteira de Casalonga, en Teo
A solicitude da empresa para instalar esta planta chegou a mediados de decembro ao Concello de Teo, que requiriu máis detalles e que recibiu o proxecto a finais de xaneiro e o informe técnico en marzo. A administración local encargou outro informe, realizado pola empresa Habitaq, para comprobar o alcance das actuacións, posibles eivas e oportunidades. Ademais, "preocupado polo impacto que pode ter unha instalación destas características nunha zona residencial e cunha alta densidade de poboación", convocou a veciñanza a semana pasada para informar dos datos dos que dispoñían.
O Concello recoñece a súa "preocupación polo impacto que pode ter unha instalación así", reuniu os veciños e pediu un informe
Foi alí onde se impulsou a plataforma veciñal contra a planta, que xa se organizou en comisións e está só á espera de legalizarse e elixir un nome. "A principal preocupación dos veciños é que esta instalación situaríase nun lugar nada axeitado, tan achegado a núcleos de poboación tan poboados e cuxa calidade de vida sería degradada", din. Ademais, advirten de numerosos riscos e afectacións varias, tanto medioambientais como socieconómicas.
O proxecto, cunha extensión equivalente a uns 14 campos de fútbol, prevé unha balsa de 7.000 metros cúbicos de capacidade para almacenar os residuos, dous gasómetros para 1.000 metros cúbicos cada un, un espazo para o lavado diario de 20 camións que transportarían os residuos orgánicos e lodos á planta ou unha nave de recepción de residuos duns 2.000 metros cadrados.
A planta de 135.000 m2 prevé unha balsa de 7.000 m3, dous gasómetros, un espazo para 20 camións ou unha nave de recepción de residuos
Desde a recentemente creada plataforma consideran que a instalación desta planta tería afectacións "sobre a saúde, a calidade das augas de pozos, mananciais e regos ou os olores". "O cheiro vai ser pestilente e é obvio que todos estes residuos van atraer gaivotas, ratas e a posibilidade de enfermidades", alerta un colectivo que di ter "contrastada información" dos problemas que instalacións deste tipo crearon noutro tipo. "Ademais --advirten--, esta empresa xa tivo varias sancións polo vertido de residuos".
Antiga canteira de Casalonga, onde se prevé instalar a planta de reciclaxe / © Habitaq
Alén disto, a plataforma repara tamén no feito de que foron as últimas modificacións lexislativas na Lei do Solo as que permiten que proxectos deste tipo poidan optar a situarse en solos tan achegados a núcleos de poboación. "Este non é o lugar, para nada", insisten sobre un espazo que foi unha antiga canteira pero que está recuperándose de maneira natural, tamén no que ten que ver coa fauna e a flora, e cuxa área sufriría tamén "a viaxe continua de camións".
A veciñanza organizouse xa nunha plataforma que advirte das afectacións medioambientais e socieconómicas
No informe encargado polo Concello asegúrase que a reciclaxe e o tratamento dos residuos "é unha actividade necesaria e positiva para o conxunto da poboación e o medio ambiente", pero tamén que "debe ser ubicada e xestionada con totais garantías para a poboación e a contorna". Aínda que advirte de que a ubicación nunha canteira abandonada pode supor "unha boa opción", esta debería ser "corroborada por un estudo de impacto ambiental completo e rigoroso".
Así, aclara as "dúbidas" que aínda hai sobre o proxecto en canto ao impacto ambienal sobre flora e fauna, consumo e verquidos de auga ou posibles filtracións", o que "suporía un impacto negativo para a contorna, o seu medio ambiente e a poboación", ademais dos "posibles problemas derivadas da aparición de plagas e cheiros".
"O impacto socioeconómico local non está suficientemente valorado en absoluto con detalles que poden resultar completamente especulativos"
"O impacto socioeconómico local non está suficientemente valorado en absoluto con detalles que poden resultar completamente especulativos", di o informe, que cre que "o rigor neste aspecto é fundamental".
A plataforma veciñal ten como obxectivo fundamental preparar as alegacións para presentar ante a Xunta, que é a administración da que depende o permiso final, así como explicar a cidadanía os riscos e problemas que provocaría esta planta de reciclaxe en Teo e na súa contorna. "Ese é o camiño: evitar que se poida construír e alegar con todas as argumentacións que poidamos, pero non descartamos mesmo acabar nos tribunais", avisan. Polo momento, pensan unirse á manifestación contra a mina de Touro para mostrar a súa problemática o vindeiro 10 de xuño en Compostela, data na que tamén levarán as súas reivindicacións á Festa da Terra que se celebra no seu concello. Ademais, o BNG levará o caso ao Parlamento.