A veciñanza volve ocupar a rotonda de Coia

A policía identifica algunha das persoas concentradas Dominio Público Asemblea de Coia

A loita da veciñanza de Coia contra a instalación do Bernardo Alfageme na rotonda da Avenida Castelao segue viva neste 2015. Pouco despois das seis e media desta mañá un grupo duns trinta veciños e veciñas do barrio atravesou o valado que rodea as obras, ocupando durante tres horas a praza. De inmediato presetáronse no lugar varias dotacións da Policía Local de Vigo (ao redor de 15 vehículos e outros dez axentes en moto), até sumar a práctica totalidade dos efectivos dispoñibles.

A policía identificou a maioría das persoas concentradas e rodeou o lugar, co obxectivo de impedir que máis manifestantes se unisen á protesta. Ademais, practicou unha detención no momento en que os veciños abandonaban o lugar. Os e as concentradas reiteraron a súa oposición á instalación da rotonda do barco, unha iniciativa do Goberno municipal vigués que foi rexeitada en dúas ocasións pola maioría absoluta do pleno municipal.

Dende hai uns días, ademais, está nos xulgados a denuncia contra o Concello e Civis Global pola obra na rotonda de Coia, admitida a trámite pola Fiscalía, que abriu dilixencias de investigación penal polos posíbeis delitos de prevaricación, suborno, tráfico de influencias e malversación de fondos públicos.

Nas últimas semanas, despois de varios episodios de tensión ao longo do mes de decembro, a situación na rotonda permaneceu tranquila, en boa medida porque o convenio provincial da construción impedía realizar calquera obra ata este 7 de xaneiro. Pasadas as festas, no entanto, vovle abrirse a posibilidade de que o Concello leve a cabo esta contestada actuación.

A policía identifica algunha das persoas concentradas Dominio Público Asemblea de Coia
A rotonda de Coia, esta mañá Dominio Público Asemblea de Coia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.