"A xente ten polo de agora máis medo que rabia"

Antoni Domènech Dominio Público Praza Pública

Antoni Domènech (Figueres, 1952), catedrático, ensaísta e editor de Sin Permiso, estará este sábado en Compostela con Xosé Manuel Beiras e Raúl Asegurado nun coloquio público moderado por Marga Tojo (ás 18.30 na Facultade de Filosofía, en Mazarelos). Autor de obras tan influentes como De la razón erótica a la razón inerte ou El eclipse de la fraternidad. Una revisión republicana de la tradición socialista, Domènceh pide un programa mínimo de ruptura que comece polo dereito á autodeterminación e a coordinación cos outros pobos periféricos da Eurozona para rexeitar a débeda ilexítima. Rexeita a saída do euro como solución e bota en falta "claridade programática" na esquerda.

España deixou atrás o peor da crise? Está xustificado o optimismo que se empeza a desprender dalgunhas declaracións (tanto do goberno como por parte as cúpulas empresariais)?

España non deixou atrás o peor da crise. O peor está por chegar. En cambio, o optimismo dos que mandan non carece por completo de xustificación: a súa xestión da crise, que consiste en aproveitala para lanzar unha ofensiva en toda regra contra as liberdades civís e os dereitos económicos e sociais da cidadanía, é bastante exitosa.

"A xente ten polo de agora máis medo que rabia. Precisamente, un paro destas dimensións e unha enorme precariedade laboral desmoralizan e atemorizan, polo momento, a poboación traballadora"

Cun 26% de paro consolidado, por que non estoupou a sociedade?

A xente ten unha comprensión bastante cabal do que está a pasar. E a indignación é xeral. Pero por agora tres cosas conspiran contra un estalido social de rabia xeneralizada: o medo, para empezar; a xente ten por agora máis medo que rabia. Precisamente, un paro destas dimensións (que no caso dos mozos pasa o 50%) e unha enorme precariedade laboral desmoralizan e atemorizan, polo momento, a poboación traballadora. Iso sábese desde sempre. Logo está a desorganización: as dúas últimas décadas produciron unha clase traballadora máis inclinada a consumir a crédito que a loitar por incrementos de salario real, o que redundou nunha perda de capacidade organizativa e de consciencia traballadora: o esborralle en Europa e en Norteamérica das taxas de afiliación sindical é só un indicio empírico diso. E en terceiro lugar, aínda que ligado ao anterior, temos unha carencia de programas serios alternativos capaces de conquistar o corazón e a razón populares.

"A idea de que saír do euro resolvería agora algún problema paréceme unha ilusión. E unha ilusión moi perigosa. A desintegración da eurozona sería unha catástrofe da que só poderían sacar partido as formacións de extrema dereita"

Aínda pode chegar algunha solución de Europa. Ou, pola contra, a esquerda debe apostar sen matices por saír do Euro?

A Unión Europea é o espazo económico politicamente integrado máis grande do mundo. Representa só o 7% da poboación mundial, pero produce o 25% do PIB mundial e realiza o 50% do gasto social planetario. A destrución dese espazo -que en boa medida é froito da vitoria do antifascismo tras a II Guerra Mundial- sería unha traxedia política de grandes dimensións, e facilitaría aínda máis o camiño á imposición en todas partes dun capitalismo contrarreformado, remundializado, reliberalizado e desregulado máis catastrófico aínda que o da belle epoque anterior á Primeira Guerra Mundial. Dito isto, as elites políticas e económicas que rexen os destinos de Europa levan décadas facendo todo o posible para destruír a configuración democrático-social de Europa. O vergoñoso procreo da Constitución europea ía nesa dirección. E a Unión Monetaria estaba pesimamente deseñada e fixo do Euro unha especie de trampa, desde logo para os países da periferia, aos que privou de instrumentos esenciais de política monetaria e fiscal para enfrontarse á crise. Eu fun no seu día contrario á entrada na unión monetaria. Con todo, por moitos motivos, a idea de que saír do euro resolvería agora algún problema paréceme unha ilusión. E unha ilusión moi perigosa. A desintegración da eurozona -que pode ocorrer- sería unha catástrofe da que só poderían sacar partido as formacións de extrema dereita.

"As esquerdas dos países periféricos endebedados, e sinaladamente os mediterráneos, deberían ir da man para promover en conxunto unha política de rexeitamento dunha débeda ilexitimamente contraída e impagable"

Como debemos ler as eleccións europeas? A esquerda europea debe enfocalas como unha confrontación contra as receitas da troica? Poden ser unha plataforma de cara ás eleccións xerais?

Deben ser ambas cousas. As esquerdas deben presentarse o máis unidas posible, deixando de lado as raposerías, a esas eleccións cun programa antiausteridade, antitroica: cun programa de recuperación da soberanía popular, tan hostil á deriva que ameaza co desmembramento da eurozona como á imposición -por parte de Alemaña- dun federalismo europeo autoritario, que consiste en impor a toda a Eurozona a suicida política fiscal promovida polas elites económicas e políticas (Democristiáns, Socialdemócratas e Verdes) alemás. Particularmente, as esquerdas dos países periféricos endebedados, e sinaladamente os mediterráneos -gregos, italianos, españois e portugueses-, deberían ir da man para promover en conxunto unha política de rexeitamento dunha débeda ilexitimamente contraída e impagable, que asfixia as súas economías e mata o gasto social. Por outra banda, as eleccións europeas son tamén unha oportunidade en clave interna: máis que noutras eleccións, o elector pode votar sinceramente, non estratexicamente: pode castigar os grandes partidos, PP e PSOE, que nos levaron a este desastre e votar sen remorsos tácticos as esquerdas consecuentes.

Que grandes liñas debería incluír un programa mínimo dunha fronte ampla fronte á troica e o bipartidismo?

España áchase nunha situación de crise de réxime. A crise do bipartidismo é unha das manifestacións máis claras da crise da Segunda Restauración borbónica. A crise puxo de manifesto que a Monarquía do 78 é incapaz de resolver o problema da articulación plurinacional dos pobos de España e é, á vez, incapaz de defender os intereses dos pobos de España no exterior, e para empezar na Unión Europea. Se nun día non moi afastado os pobos de España avanzasen cara a unha terceira República de tipo federal ou confederal, non é improbable que aos parlamentarios dos dous partidos dinásticos, PP e PSOE, que en agosto de 2011 votaron pola reforma express da Constitución os agarde un destino parecido ao dos deputados da III República francesa que en 1940 votaron os plenos poderes para o mariscal Petain: ser imputados polo delito de alta traizón.

"As dúas grandes liñas dun programa mínimo en España parécenme a reconfiguración democrática radical dos pobos de España e a coordinación cos outros pobos periféricos da Eurozona"

As dúas grandes liñas dun programa mínimo en España parécenme, así pois, estas dúas: primeiro, reconfiguración democrática radical dos pobos de España internamente, o que pasa polo pleno recoñecemento do dereito de autodeterminación de todos, empezando por cataláns, vascos e galegos. A Segunda Restauración borbónica demostrou ser incapaz de manter o Estado Social e Democrático de Dereito na actual conxuntura de crise capitalista europea e mundial: iso, e non unha súbita febre identitaria ou nacionalista, é o que levou á rúa a millóns de cataláns esixindo un dereito a decidir e desbordando todos os políticos ao uso. Oxalá o resto dos pobos de España non tarden moito en esixir o seu dereito a decidir.

O segundo punto dun programa mínimo pasa pola coordinación cos outros pobos periféricos da Eurozona para resistir conxuntamente a Escila da desmembración da Eurozona e a Caribdis do federalismo europeo autoritario á Merkel. Podería convocarse, por exemplo en Barcelona, unha Gran Conferencia mediterránea sobre o problema da débeda. Non pode ser que a única forza política que empeza a ter unha política común para toda Europa sexa a extrema dereita de Marine Le Pen, o Partido Independente de Gran Bretaña e os neofascistas holandeses e italianos.

Está a esquerda real demasiado preocupada polos cálculos electorais? Como mobilizar a poboación agredida polos recortes?

A esquerda institucional está lexitimamente preocupada polos cálculos electorais. O que non me parece é que teña claridade programática: nin o diagnóstico do que ocorre, nin no prognóstico, nin nos remedios que ofrece. E é esa falta de claridade o que lle fai difícil chegar ao que ti moi correctamente chamas 'poboación agredida', que é moito máis intelixente e ten bastante máis sentido común e de realidade do que adoitan supor os políticos, tamén os de esquerda.

Debe ser reformulado o papel na sociedade (e na fronte ampla) de partidos e sindicatos?

Como dixen, eu creo que estamos nunha crise de réxime, Iso non quere dicir algo fatal e inminente: a crise da primeira Restauración Borbónica durou máis dez anos. Esa crise leva por diante os dous partidos dinásticos, é evidente: de aí o esborralle do bipartidismo. Eu creo que teñen porvir os partidos que comprendan a natureza e os ritmos da crise de réxime: non creo, por exemplo, que UPYD o entenda ben, razón pola cal non lle dou moito futuro. En canto a IU-ICV, non sabería que dicirche: falas cos seus dirixentes, e parece que o teñen moi claro, pero logo votan miserablemente nas Cortes pola proposta acordada por Gallardón co PSOE de renovación do poder xudicial.

"A dereita gañou batallas decisivas. Por exemplo, a necia idea segundo a cal un Estado é como unha familia ou como unha empresa privada: non pode gastar máis do que ingresa"

A dereita gañoulle a batalla das ideas á esquerda, a fronteira entre o que é posible e o que non o é, o que é 'de sentido común'? Como recuperar ese terreo?

En certo sentido diríache que si, que a dereita gañou batallas decisivas. Por exemplo, a necia idea -que se converteu en sentido común dominante-, segundo a cal un Estado é como unha familia ou como unha empresa privada: non pode gastar máis do que ingresa. Aceptar iso é botar pola borda 40 anos de macroeconomía, pero por algún motivo acéptase. Incluso a esquerda que se opón ás políticas suicidas e procíclicas de austeridade parece crer, se os oes, que o gasto público depende do ingreso público, e entón propón aumentar os ingresos como única forma de poder aumentar o gasto. Pero noutro sentido diríache que non, porque que ideas ten a dereita? Pensa nas bobadas energumenicamente optimistas que se dicían hai 10 anos: a 'sociedade da información', a 'economía do coñecemento', a 'nova economía que nunca máis coñecería ciclos económicos', a 'gran moderación financeira', por non falar da 'posmodernidade, a 'modernidade líquida', o 'cognitariado' e o resto de parvadas de tipo 'rabanillo, vermello por fóra e branco por dentro'. Que quedou diso? Nada. Hoxe dinche cousas estupidamente pesimistas, polo estilo de 'afixémonos mal, o benestar non é sustentable', a 'globalización vainos a pór a todos no noso sitio', etc., etc. A ideoloxía da dereita tende agora a recoñecer a catástrofe, e limítase a presentala como un fatum, como un destino tráxico inexorable que nada ten que ver coa política?

"Non hai federalismo auténtico que non parta do dereito de autodeterminación dos pobos federables. O demais son ganas de marear a perdiz e de ignorar a crise de réxime"

Faise difícil ás veces ser federalista á vista da idea predominante de España?

Non hai federalismo auténtico que non parta do dereito de autodeterminación dos pobos federables. O demais son ganas de marear a perdiz e de ignorar a crise de réxime.

"O que pasa en Cataluña atinxe a todos os pobos de España, que todos debemos esixir o dereito e decidir e pór fin a un réxime que, en proceso de deterioración acelerada, está a acabar coas liberdades e cos dereitos sociais de todos"

Como se desenvolverá o proceso soberanista en Catalunya? Haberá referendo? O Goberno central flexibilizará a súa postura? Está a servirlle a Mas de pantalla para ocultar a súa xestión?

O seguro paréceme isto: o goberno central non flexibilizará a súa postura. Esperará impasible, procurando non entrar en provocacións innecesarias, até que Mas e Jonqueras se poñan nerviosos e cometan a primeira torpeza: entón, e só entón, pasará á acción con toda unha batería de medidas que inclúen unha gran campaña en Europa de desprestixio do goberno autónomo catalán e, talvez, a suspensión da autonomía. O que está por ver é a resposta do pobo catalán: dun goberno como o catalán que acaba de declarar que estas cousas 'mellor sacalas da rúa', non se pode esperar nada. E o que está por ver tamén é a resposta dos demais pobos de España: deixaranse confundir por unha propaganda catalanófoba que presenta todo o proceso catalán como unha erupción irracional de febre identitaria, ou entenderán que o que pasa en Cataluña atinxe a todos os pobos de España, que todos debemos esixir o dereito e decidir e pór fin a un réxime que, en proceso de deterioración acelerada, está a acabar coas liberdades e cos dereitos sociais de todos.

Antoni Domènech Dominio Público Praza Pública
Cartaz do acto © Laiovento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.