A xuíza apraza dez días máis un desafiuzamento en Vigo e outro ameaza unha menor en Miño

Pancarta na vivenda da familia ameazada de desafiuzamento en Miño © Stop Desahucios Coruña

A xuíza aprazará outros dez días o desafiuzamento dunha familia de Vigo -unha parella e os seus tres fillos- para que as administracións "se poñan en marcha" para conseguirlles outro lugar onde vivir ante a súa situación de "vulnerabilidade", unha vivenda que pagará co bono alugueiro da Xunta, a axuda ao aluguer do Concello e a Risga que están a tramitar. Mentres, na localidade de Miño, outra orden de despexo ameaza unha nai e a súa pequena de doce anos, que serán expulsadas do seu piso o mércores se o xulgado non dá marcha atrás, motivo polo que Stop Desahucios se concentrou este mediodía para apoiar as afectadas. 

A xuíza dá dez días ás administracións para que se "poñan en marcha" e consigan unha vivenda á familia de Vigo

En Vigo, foi a presidenta da Federación de Asociación Veciñais de Vigo, María Pérez, quen anunciou a medida da maxistrada que leva o caso da familia. A muller está enferma e nin ela nin o home teñen traballo nin ingresos, polo que acumulan  unha débeda duns 3.300 euros. A xuíza, segundo explicou o colectivo, aclara que se o xulgado non actuou antes foi porque a situación de vulnerabilidade e a documentación de oposición ao despexo foi presentada "fóra de prazo". "É unha situación moi grave, nunca tivo que terse producido o mal trago que pasaron, máis aínda habendo menores", explica Pérez. 

Agora, posto en marcha o mecanismo para deter o desafiuzamento outros días, a famila confía en que as administración lle consigan unha nova vivenda para realoxarse. "Menos plantiñas, ,menos adorniños e máis humanidade", declarou Inés, a muller afectada. 

Por outra banda, en Miño Stop Desafiuzamentos reclama a paralización do desaloxo previsto de Fátima Ajmil, unha muller que vive na súa casa coa filla de 12 anos. O piso é dos seus sogros e residen nel logo da separación do seu marido. Precisamente, a súa sogra -quen a apoiou nun principio- é quen agora reclama que abandone a vivenda.

Stop Desafiuzamentos pide que a Fiscalía de Menores interveña no caso de Miño

A plataforma censura que o lanzamento estea previsto xa para o día 25 cando o ditame aínda non é firme, tense presentado un recurso e non se tiveron en conta as necesidades da menor.  As afectadas, segundo declararon, xa tiveron que vivir varios días nun coche e Stop Desafiuzamentos pide tamén que interveña a Fiscalía de Menores. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.