A Xunta acatará a sentenza que anula os concertos cos centros que segregan por sexo

Jesús Vázquez, conselleiro de Educación © Xunta

A Xunta non recorrerá a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anula os concertos cos centros educativos que segregan por sexo. Así o anunciou este mércores o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, que contestou ás preguntas da oposición asegurando que o Goberno "acatará" o ditame, polo que deixará de subvencionar os colexios que separan segundo o xénero.

Os 3 millóns de euros destinados a estes concertos equivalen a 650.000 menús escolares

Os cálculos dos sindicatos educativos e dos grupos da oposición coinciden en que, atendendo aos orzamentos autonómicos e á orde de concertos de 2009, as achegas de fondos públicos aos colexios que separan os nenos das nenas viñeron supoñendo uns 3 millóns de euros anuais. Así, BNG e AGE reclaman xa que estes cartos -que equivalerían a 650.000 menús escolares- sexan destinados á mellora da educacióno pública e, máis concretamente, a este servizo sobre o que agora a Xunta ampliou o copago.

A Consellería de Educación anunciou hai tan só unhas semanas a suba de ata un 40% nas taxas dos comedores escolares e fixou un prezo máximo de 4,50 euros por estudante e día, o cal ten que ser abonado polo alumnado en cuxas familias os ingresos per cápita sexan superiores a 9.000 euros anuais.

"Que se destinen os cartos a financiar os comedores escolares", reclama AGE

Alternativa Galega de Esquerda esixe que eses 3 millóns de euros "se destinen a mellorar o sistema educativo público financiando por exemplo os comedores escolares" para que "non sexan as familias as que teñan que pagar porque os seus fillos e fillas coman no colexio". Tamén o BNG e o PSdeG optan porque eses fondos se destinen ao ensino público. De feito, a decisión anunciada da Xunta de non recorrer a sentenza chega un día despois de que o PP rexeitase no Parlamento apoiar unha moción presentada polo Bloque na que se defendía anular  os concertos do Executivo cos centros que segregan o alumnado por razón de sexo

Jesús Vázquez, nunha comisión do Parlamento © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.