A Xunta asegura que a vivenda social xa está a disposición de Aurelia Rey

Aurelia Rey atende os medios tras paralizarse o desafiuzamento CC-BY-SA M. Pereira

Acábase o prazo. Aurelia Rey, a anciá á que a presión cidadá axudou a parar o desaloxo dunha céntrica vivenda da Coruña, tiña ata este martes 30 como prazo límite para abandonar a súa casa logo de que o lanzamento fose detido dúas veces no pasado mes de febreiro. As protestas e o apoio da plataforma Stop Desafiuzamentos -que incluíu unha polémica actuación policial- forzou os seus caseiros a un acordo que lle daba dous meses de prazo para buscar outro inmoble, ademais dunha compensación económica que lle axudase a pagar un aluguer que agora será máis caro que os pouco máis de 150 euros que lle correspondían pola renda antiga.

A Xunta informa de que a vivenda social xa está a disposición de Aurelia Rey

Logo das queixas dos activistas pola tardanza, a Xunta vén de comunicar que o piso de aluguer social adxudicado está xa á súa disposición. O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asinou este martes a súa adxudicación despois de que o último documento necesario para a súa tramitación, o certificado de ingresos -requirido para determinar o prezo do aluguer-, fora presentado o pasado luns na xefatura provincial do Instituto galego de Vivenda e Solo.

A Xunta comunicou xa a Aurelia a súa adxudicación e informoulle de que o contrato de aluguer está á súa disposición na xefatura provincial dese organismo "onde deberá asinalo como paso previo a recibir as chaves das vivendas".

Activistas e voluntarios que colaboraron na paralización do desafiuzamento de Aurelia Rey axúdana estes días a facer a mudanza á vivenda de Eirís concedida polo Instituto Galego de Vivenda e Solo. No entanto, e segundo relataba na mañá do martes Héctor Tejón, un dos voceiros de Stop Desafiuzamentos, as chaves non lle foran entregadas á anciá. Ademais, a nova casa da afectada carecía de subministro de auga e luz, polo que tanto a plataforma contra os desaloxos como o avogado da muller agardaban unha prórroga por parte dos seus caseiros para que Aurelia poida seguir uns días máis na súa vivenda da rúa Padre Feijóo ata que se arranxasen os trámites que lle permitan trasladarse ao barrio de Eirís.

Stop Desafiuzamentos e os representantes de Aurelia Rey agardan unha prórroga para quedar no seu piso mentres non se acaban os trámites

"Non hai contrato asinado, nin chaves, nin luz, nin auga", lembraba Héctor Tejón, que advirte de que Aurelia Rey non pode trasladarse a unha vivenda nesas condicións, volve aludir ao "mobbing inmobiliario" sufrido pola anciá e lembra que aínda hai que esperar pola "sinatura do conselleiro" para que dea o visto e prace ao traslado. "Agardamos que impere o sentido común nos seus caseiros e que non volvan activar a orde de desafiuzamento", a mesma que fora paralizada logo de que inquilina e propietarios chegasen a un acordo. Incluso no caso de que os trámites se acelerasen durante este martes, a muller precisaría dun tempo para completar unha mudanza para a que precisa axuda.

Desde a Xunta, no entanto, acusaron os letrados de Aurelia Rey de atrasar demasiado a solicitude desta vivenda social, motivo polo cal aínda non se terían rematado os trámites. Se non hai ningún atranco máis, a anciá de 85 anos abandonará a súa antiga vivenda nas vindeiras horas.

Aurelia Rey atende os medios tras paralizarse o desafiuzamento CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.