A finais de setembro fíxose pública a apertura dun expediente sancionador á radio comunitaria coruñesa Cuac FM, unha multa que podería chegar aos 200 mil euros poñendo en grave risco a continuidade dunha emisora que xa superou os 20 anos de actividade. O expediente foi aberto pola Xunta tras unha inspección realizada en 2015 pola Xefatura Provincial de Inspección de Telecomunicacións, dependente do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital. Porén, é competencia do Goberno galego a regulación do espazo radioeléctrico para os servizos de comunicación audiovisual radiofónica. E, como lembran os medios comunitarios dende hai anos, a Lei 7/2010, Xeral da Comunicación Audiovisual non só recolle que "a Administración Xeral do Estado debe garantir en todo caso a dispoñibilidade do dominio público radioeléctrico necesario para a prestación" dos "servizos de comunicación audiovisual comunitarios sen ánimo de lucro", senón que prevé que aqueles que "estivesen en funcionamento con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2009 (...) optarán a licenzas ou autorizacións no ámbito de cobertura no que viñan prestando a súa actividade".
A Xunta asegura que "é escrupulosa no cumprimento da Lei 7/2010 de Comunicación Audiovisual, como non pode ser doutro xeito". Porén, leva sete anos sen aplicar varios aspectos da norma
Hai unhas semanas o BNG preguntou no Parlamento galego polas "razóns do Goberno galego" para a apertura do expediente sancionador e polas "medidas previstas para o cumprimento da lexislación vixente", no referente á concesión de licenzas de emisión. Na súa resposta, a Secretaría Xeral de Medios comeza indicando que se limitou a incoar o expediente sancionador tras recibir a acta da inspección realiza pola Xefatura Provincial de Inspección de Telecomunicacións dependente do Ministerio. E salienta que "a Xunta de Galicia é escrupulosa no cumprimento da Lei 7/2010, Xeral de Comunicación Audiovisual, como non pode ser doutro xeito".
Porén, á hora de xustificar por que nos últimos sete anos non aplicou esta mesma norma para garantir licenzas de emisión aos medios sen ánimo de lucro, a Xunta afirma que estes servizos "están suxeitos á dispoñibilidade de espectro radioeléctrico" e sinala que dende o Ministerio se lle comunicou "a necesidade de atribuír novas bandas de frecuencias aos servizos móbiles", o que "obrigará a reducir aínda máis as frecuencias destinadas ao servizo de comunicación audiovisual". Un argumento que non ten base no caso da FM, pois o incremento do espectro demandado polos servizos móbiles afecta a outro tipo de emisións, sobre todo da TDT.
A pesar da ausencia das "bases" ás que alude a Xunta, este verán o Goberno de Navarra convocou un concurso público de radio no que, por primeira vez, reservou unha emisora para servizo comunitario sen ánimo de lucro
A Secretaría Xeral de Medios tamén xustifica en razóns externas o feito de non ter convocado un concurso para a asignación de frecuencias ás emisoras comunitarias e di que "ao tratarse dunha competencia compartida é necesario que previamente a Administración Xeral do Estado aprobe as bases para o desenvolvemento dos servizos de comunicación audiovisual comunitarios sen ánimo de lucro". E asegura que "no momento no que a Administración Xeral do Estado elabore o regulamento básico de prestación deste servizo e remita a planificación radioeléctrica ás Comunidades Autónomas, a Xunta de Galicia estará en condicións de atender as solicitudes das radios comunitarias sen ánimo de lucro".
A pesar da ausencia desas "bases", este verán o Goberno de Navarra convocou un concurso público de radio no que, por primeira vez, reservou unha emisora en Pamplona para servizo comunitario sen ánimo de lucro.