A Xunta consente o encerro dun tigre de Bengala nun valado de ferralla en Mazaricos

O tigre, dentro do valado © IES Fogar de Carballo

Hai un tigre en Mazaricos. Nas instalacións da empresa de ocio Naturmaz, localizadas ao carón do encoro da Fervenza (Aérodromo da Fervenza), vive un tigre de Bengala, nun recinto exterior de moi pequeno tamaño e rodeado unicamente por un sinxelo valado de ferros e malla de obra. Os colectivos ADEGA, GEAS (Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes) e Hábitat denunciaron recentemente esta situación ante a Xunta, entendendo que estas instalacións non garanten o benestar do animal nin a seguridade da contorna.

Así mesmo, pedíanlle á administración que verificase o cumprimento das condicións das autorizacións e permisos cos que deben contar os responsables das instalacións para a tenza e exhibición do animal, en particular os certificados CITES e as medidas de seguridade e saúde establecidas para o correcto manexo deste exemplar.

A resposta dada pola Consellaría de Medio Ambiente incrementou aínda máis a preocupación e as críticas destas entidades, pois o Goberno galego demostra ter coñecemento da situación e mesmo a xustifica. A Xunta informa de que no Rexistro de Establecementos de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade “figura inscrita a colección zoolóxica privada composta por un exemplar de tigre, propiedade do Aeródromo da Fervenza”. Asemade", limitándose a sinalar que "o establecemento non está autorizado como parque zoolóxico", polo que "os animais da colección non poden ser exhibidos ao público”. Sobre as condicións de seguridade, Conservación da Natureza engade que “ao non ter sido contemplada nin solicitada a priori dita exposición, durante as inspeccións realizadas non foron avaliadas as medidas de protección do público aplicables aos parques zoolóxicos”. Nada di o Goberno galego sobre as condicións nas que vive o tigre ou o respecto ao benestar animal.

"O uso do tigre como atracción para usuarios e clientes do lugar é evidente e fica ademais demostrado á vista dos comentarios que os grupos de visitantes suben a internet", sinalan as entidades denunciantes

Polo tanto, a versión oficial é que o tigre conforma unha "colección zoolóxica privada" e non é "exhibido ao público". Porén, as entidades denunciantes poñen en dúbida isto: "O uso do tigre como atracción para usuarios e clientes do lugar é evidente e fica ademais demostrado á vista dos comentarios que os grupos de visitantes suben a internet, por exemplo esta web do alunado de primaria do IES Fogar de Carballo". En 2013, cando menos, o tigre formou parte da visita destes escolares ás instalacións. "Resulta evidente que o obxectivo desta colección zoolóxica privada, pertencente a unha empresa que publicita 'turismo activo, ocio y deportes de aventura' é exhibilo aos visitantes" denuncian, "visitantes cuxa seguridade pode estar en perigo dadas as condicións de retención do tigre, cuns cantos ferranchos e malla de obra", engaden.

Amosan a súa sorpresa porque nas inspeccións realizadas pola Xunta "non foran avaliadas as medidas de protección do público nen a salubridade e benestar do animal, simplemente por non tratarse dun parque zoolóxico"

Amosan ademais a súa sorpresa porque nas inspeccións realizadas pola Xunta "non foran avaliadas as medidas de protección do público nen a salubridade e benestar do animal, simplemente por non tratarse dun parque zoolóxico". "Xa é triste que un exemplar de tigre de Bengala sexa retido e exhibido nestas condicións, mais o verdadeiramente lamentábel é que a Xunta recorra a pobres subterfuxios (“non é un zoolóxico”) para renunciar a cumprir as súas funcións e facer a vista gorda diante dunha situación máis que irregular", conclúen.

Naturmaz defínese como "o maior complexo de Turismo Activo de España e Portugal". Ofrece todo tipo de servizos: paintball, escalada, kayak, equitación, cetrería, voo de ultralixeiros e parapente con motor, ou artes marciais, dirixidos a usuarios individuais, grupos, despedidas de solteiros e solteiras ou entornos laborais para a realización de actividades de team building.

O tigre, dentro do valado © IES Fogar de Carballo
Imaxe tirada recentemente polas entidades denunciantes © ADEGA
Instalacións de Naturmaz e do Aeródromo do Xallas © Naturmaz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.