“O seu desenlace final tivo lugar a consecuencia de que se produciron en Galicia unhas circunstancias climáticas absolutamente adversas. O incidente produciuse na sexta ou na sétima cicloxénese explosiva. Nesas circunstancias adversas houbo desfeitas en portos, en praias, vilas enteiras anegadas, nin o santuario de Muxía foi respectado”. Deste xeito despachou o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, as posibles responsabilidades do Goberno galego na avalancha de auga, lama e pedras produto da rotura da balsa de residuos da canteira do Monte Neme o pasado 10 de febreiro.
Faciao preguntado por Carme Adán (BNG), que buscaba coñecer as razóns polas que nos meses previos ao accidente a Xunta de Galicia non adoptara as medidas de prevención ou de seguridade necesarias, a pesar de que o concello de Carballo informara en reiteradas ocasións á Direccion xeral de Minas e Enerxía da situación da canteira abandonada, e o mesmo fixeran os responsables dunha comunidade de montes próxima.
Porén, as respostas de Tahoces foron evasivas en todo momento, comezando pola propia definición do accidente: "non rompeu balsa ningunha, o que rompeu foi o oco de explotación, e nese oco non hai residuos mineiros, hai auga". E tamén negando a gravidade do sucedido: "non houbo un desastre medioambiental, a avalancha consistiu nunha baixada de auga ladeira abaixo”. Sobre todo, Tahoces negou a inacción da Xunta, e relatou as xestións que ao longo do último ano o Goberno galego levou a cabo coa empresa co administrador concursal. Xestións que el mesmo recoñeceu que foran totalmente ineficaces.
Na súa réplica, a deputada do BNG lembrou que "a seguridade das explotacións ten que asegurarse nas peores circunstancias climáticas, non en tempo calmo". E sobre todo subliñou que "había luces vermellas e avisos de todo tipo. E despois de meses seguía sen sinalizarse, non se tomaron as medidas necesarias". Carmen Adán concluíu que "o problema é que estamos diante dunha empresa que recibiu axudas públicas de todo tipo, e que nun momento abandonou a explotación".
No debate, ademais, colouse o tema de Corcoesto. A deputada do BNG fixo un comentario á marxe, aproveitando que na sesión os temas mineiros eran os protagonistas, destacando o papel da cidadanía na paralización deste proxecto mineiro a ceo aberto. Aínda que non houbera unha apelación directa, Ángel Bernardo Tahoces non obviou a cuestión e despois de acusar a Adán de facer unha “reflexión maniquea”, salientou que “quen asinou a resolución fun eu, non foi a cidadanía”.