A Consellería de Medio Ambiente avala que ENCE leve a cabo sen licenza municipal as obras derivadas do seu proxecto de integración paisaxística no complexo de Lourizán. A pasada semana a empresa presentoulle ao Concello de Pontevedra as actuacións que pretende levar a cabo, respondendo o Goberno municipal que "se quere facer calquera tipo de obra nas súas instalacións precisa o correspondente título habilitante", como calquera outra empresa da cidade.
"Se ENCE quere facer calquera tipo de obra nas súas instalacións precisa o correspondente título habilitante como calquera outra empresa da cidade", di o Concello
“Ence alega que co proxecto sectorial de supramunicipalidade estaría amparada para facer ese tipo de obras pero iso só ocorre cando se trata dunha administración pública e Ence non é unha administración pública”, sinalou a portavoz do Goberno local e concelleira de Disciplina Urbanística, Carme da Silva, que lembrou a sentenza xudicial ditada no seu día respecto ao proxecto de planta de papel tisú na que se recolle que “ao non ser unha administración pública ten que ter licenza municipal”.
A Xunta de Galicia afirma, pola contra, que as obras non necesitan dunha licenza municipal, aludindo a ese Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal. Porén, a conselleira Beatriz Mato foi menos clara nas súas declaracións, pois aínda que defendeu que a empresa leve a cabo as obras sen licenza, recoñeceu que o Goberno municipal pontevedrés podería, nese caso, paralizalas: "Entendemos que a obra do proxecto de integración paisaxística non necesita licenza, outra cousa é que Ence faga os traballos sen licenza e máis adiante o Concello de Pontevedra os paralice", afirmou este mércores nunha visita a Sanxenxo.
Aínda que defendeu que a empresa leve a cabo as obras sen licenza, Beatriz Mato recoñeceu que o Goberno municipal pontevedrés podería, nese caso, paralizalas
Pola súa banda, o Concello mantense firme na súa defensa da legalidade: “Non chega con que comuniquen un proxecto, senón que teñen que tramitar o titulo habilitante correspondente para poder executar calquera obra, ao igual que ten que facer calquera outro privado que queira facelas”, di Carme da Silva. "Ence terá que achegar a documentación que corresponde nestes casos, cos informes sectoriais correspondentes e serán os técnicos do Concello os que determinen o título habilitante municipal que precisan (licenza, comunicación previa…) como en calquera outro caso", engade.