A Xunta, denunciada ante a UE pola degradación dos seus espazos naturais

A Ventureira, nas Fragas do Eume, en febreiro de 2013 CC-BY Iván Méndez

A Xunta, denunciada ante a Unión Europea pola "degradación" dos seus espazos naturais. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de solicitar á Comisión Europea que abra un proceso de infracción da lexislación comunitaria contra o Estado Español e a Comunidade Autónoma de Galicia tras comprobar a través de traballos de campo a pésima situación na que se atopan os Lugares de Interese Comunitario (LICS) ou áreas incluídas na proposta de ampliación da Rede Natura 2000.

Científicos da SGHN certificaron o nivel de "degradación" de máis de 30 espazos da Rede Natura ou aspirantes a ela nos últimos tres anos

A SGHN, organizándose a través dos seus socios, fundamentalmente científicos, levou a cabo un importante traballo para determinar a situación e as agresións sufridas desde 2011 por estes LICS da Rede Natura e aqueles pendentes de incluírse nesta figura de protección europea. Tras meses de traballo, a organización elaborou unha lista de máis de 30 espazos naturais degradados e con graves eivas, malia a obriga queu ten a Administración de protexelos.

As institucións comunitarias poderán comprobar agora, a través fundamentalmente da comparación de fotografías, o lamentable estado de hábitas fráxiles afectados por parques eólicos, pola ampliación de grandes canteiras ou pola plantación masiva de eucaliptos, entre outros danos. A SGHN lembra que, "transcorridos case dous anos dende a presentación ante o Parlamento de Galicia da Proposta de Ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia, e rematado o período de participación pública, os trámites da ampliación están paralizados, sen explicación ou xustificación ningunha". Ademais, lembra que segundo a propia memoria presentada pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a proposta de ampliación da Rede requiría "atender á necesidade de mellorar a representación daqueles tipos de hábitats de interese comunitario que a Comisión Europea considerara deficitarios, especialmente "os fráxiles hábitats prioritarios".

A UE poderá comprobar os danos causados pola ampliación de canteiras, a plantación masiva de eucaliptos ou os parques eólicos

Nada diso se debeu facer. A lei do Patrimonio Natural e da Biodiversidade obriga aos poderes públicos a establecer as medidas de xestión necesarias para conservar os hábitats de interese comunitario, sexan ou non prioritarios, mesmo fóra do ámbito territorial delimitado pola Rede Natura 200. "Ademais, tanto a normativa estatal como a autonómica que rexen a declaración de espazos naturais comtemplan mecanismos para garantir que durante o proceso de declaración dos novos espazos, ou das ampliacións dos existentes, non sexan degradados os seus valores ambientais", insiste a SGHN.

Por todo, o colectivo acusa a Dirección Xeral de Conservación da Natureza de "deixar degradar as áreas propostas" para a ampliación, "nun claro abandono das súas funcións e obrigas legais, incumprindo a normativa comunitaria, estatal e autonómica". A SGHN recorda que, tras a comprobación sobre o terreo da situación de varios espazos, queda claro que en todos os novos LICS, así como nas áreas de ampliación da Rede Natura, "constatouse unha perda significativa daqueles tipos de hábitats que xustificaban tecnicamente a súa inclusión na proposta presentada pola Xunta para ser avaliada pola Comisión Europea".

As perdas máis "dramáticas", segundo a Sociedade, rexístranse nas provincias da Coruña e Lugo onde, "por falta de vixilancia, neglixencia ou incompetencia, produciuse unha xeneralizada destrución e degradación dos hábitats de interese comunitario". O colectivo agardou "inutilmente" a resposta da Consellería de Medio Ambiente ao escrito que lle remitiron hai mes e medio. Ante a falta de resposta, decidiu poñer en coñecemento do Comisario Europeo de Medio Ambiente estes feitos para que abra un proceso de infracción das leis comunitarias contra España e Galicia.

A SGHN decidiu denunciar o caso ante a Comisión Europea tras o silencia da Xunta ás súas advertencias

Segundo SGHN, as dúas administracións terían incumprido as exixencias para subsanar as insuficiencias da Rede Natura 2000, incumprindo varias directivas europeas relativas á conservación dos hábitats naturais e das aves silvestres, así como unha relativa ao acceso do público á información medioambiental. O incumprimento destas exixencias por parte da Xunta, tal e como advirte o colectivo, pode acabar nunha sanción ao Estado importante e dificilmente asumible nestes tempos de crise. Na denuncia, que se pode consultar no arquivo adxunto que acompaña esta información, detállanse con fotografías e datos a situación de máis de 30 espazos naturais.

Estado da Braña de Fabás, incluida no LIC Parga-Ladra-Támoga, na actualidade © SGHN
Estado da Braña de Fabás, incluida no LIC Parga-Ladra-Támoga, en 2011 © SGHN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.