A Xunta despexa o camiño para que ENCE obteña a súa prórroga

O complexo de Lourizán, na ría de Pontevedra © encefora.gal

O pasado venres a Consellaría de Medio Ambiente remitiulle á Dirección Xeral de Costas o informe sobre a planta de Ence en Lourizán, un documento que -como se esperaba- defende que a factoría cumpre con todos "os preceptos e parámetros ambientais" e que despexa un pouco máis o camiño para que a instalación reciba unha prórroga para a súa continuidade máis aló de 2018. Costas, é dicir, o Goberno central, pode agora tomar a decisión, e é probable que a autorización para que ENCE siga na ría de Pontevedra chegue antes de final de ano, antes das eleccións do 20 de decembro. Iso é, cando menos, o que temen os grupos contrarios á permanencia da planta e o que, pola contra, se pide dende a empresa.

O informe favorable da Xunta era preceptivo (obrigatorio) e "determinante", aínda que non vinculante. Mesmo cun informe negativo, o Estado central podería ter decidido a favor da prórroga para a fábrica aludindo a razóns de "interese xeral". O documento, ademais, limítase a confirmar que a planta conta cunha Autorización Ambiental Integrada (AAI) en vigor e a fixar efectos e condicións compatibles con esta AAI. En decembro de 2013 o Goberno galego outorgou a actualización da AAI por un período de catro anos. Polo tanto, foi xa nese momento cando a Xunta abriu as portas á continuidade de ENCE en Lourizán durante varias décadas máis alá de 2018 (un máximo de 75 anos, aínda que é probable que a prórroga se conceda por 50 ou 60 anos).

Antón Masa: "É unha mostra máis da connivencia entre o Executivo galego e ENCE, unha connivencia que vén dada polos lazos políticos existentes, pero mesmo por lazos familiares"

Este novo paso cara á prórroga na presenza de ENCE na ría de Pontevedra foi recibido con críticas pero sen sorpresa polos colectivos contrarios á medida. Antón Masa, voceiro da Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), afirma en conversa con Praza, que o informe favorable da Xunta era "esperable", e salienta que "unha vez máis o Goberno actúa ao ditado de Ence". "É unha mostra máis da connivencia entre o Executivo galego e ENCE, unha connivencia que vén dada polos lazos políticos existentes, pero mesmo por lazos familiares. Non hai que esquecer que o director de ENCE Pontevedra está casado coa subdirectora xeral de Coordinación Ambiental da Xunta, que entre as súas funcións ten a de tramitar os expedientes ás empresas contaminadoras", sinala.

Antón Masa: "Se concede a prórroga sería unha decisión pouco ética. Pero probablemente, ademais, estarían prevaricando, porque hai razóns abondo para determinar a caducidade da concesión. Non se pode renovar unha concesión que caducou"

Masa di que "non sería estraño" que o Goberno central conceda a prórroga antes do 20D e engade que "non desbotamos que o Executivo poida facelo mesmo despois das eleccións, co Goberno en funcións". "Se concede a prórroga" -conclúe- "sería unha decisión pouco ética. Pero probablemente, ademais, estarían prevaricando, porque hai razóns abondo para determinar a caducidade da concesión. Non se pode renovar unha concesión que caducou". Os colectivos contrarios á continuidade de ENCE manterán este luns pola tarde unha xuntanza, na que poderían decidir a convocatoria de novas accións públicas de información e protesta.

Pola súa banda, o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), sinalou que se trata "dun paso máis na estratexia deseñada por ENCE e o PP para consolidar a presenza da fábrica na ría, para condenar aos veciños de Pontevedra a soportar por outros 60 anos ese adefesio contaminante" e garantiu que "a loita continúa" e, de feito, as entidades sociais e institucións integradas na campaña “ENCE fóra para sempre” manteñen a súa actividade de actos públicos para informar sobre os efectos da planta e dunha posible prórroga. O propio Lores salientou este sábado que, xa que hai prazo ata 2018 para adoptar a decisión, "o razoable sería que non a tomase este Goberno", porén incidiron no interese do Executivo en acelerar o proceso ante a posibilidade de que un cambio na cor política na Moncloa puidese dificultar a concesión da prórroga e mesmo levar a unha modificación da Lei de Costas.

De igual xeito, este sábado Alternativa Galega de Esquerda denunciou que "o goberno do señor Feijoo volta a deixar claro de que lado está, volta a evidenciar que non ten palabra e que non ten un proxecto alternativo para o futuro deste país" e alertou de que "o Partido Popular tratará de apurar os prazos para deixar atado en favor de ENCE, todo o posible ante un eventual cambio de goberno do Estado". AGE sinala que a modificación da Lei de Costas e "a recentralización das competencias sobre quen ten a última palabra ao respecto da concesión da prórroga, que pasa a ser o Estado" foron "decisións conscientes" para "lograr o obxectivo pretendido pola empresa".

Finalmente, dende ENCE celebrouse o paso dado pola Xunta e tamén a sentenza do Tribunal Constitucional que a pasada semana estimou parcialmente o recurso do PSOE contra a nova Lei de Costas. O ditame declara "inconstitucional", entre outras disposicións, a redución de protección para a illa de Formentera e as súas salinas, pero mantén intacto o groso da norma, tamén os elementos que lle permitiron á empresa solicitar a súa continuidade nesta zona de protección do dominio público marítimo-terrestre.

O complexo de Lourizán, na ría de Pontevedra © encefora.gal
Imaxe de ENCE dende a ría © encefora.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.