A Xunta estudará a sentenza do TSXG para ver "se di" o que di

Intervención de Núñez Feijoo esta mañá © Xunta

“Fallamos estimar el recurso contencioso-administrativo interpuesto por el STEG contra la orden de 26 de agosto de 2009 por la que se aprobaron los conciertos educativos con los centros privados de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obligatoria, educación especial, programas de cualificación profesional inicial, ciclos formativos de grado medio y ciclos formativos de grado superior en los relativo a la suscripción o modificación de conciertos con los centros educativos de Las Acacias, Montecastelo y Aloya en Vigo, así como Montespiño y Peñarredonda en A Coruña”. Desta maneira tan clara pronunciouse o TSXG contra a "subscrición ou modificación de concertos" con cinco colexios que separan o seu alumnado en función do sexo.

Núñez Feijóo afirmou que a Xunta analizará a sentenza para determinar "se o que di e ao que obriga" é a anular as axudas públicas a estes centros

O presidente do Goberno galego pronunciouse esta mañá sobre a sentenza durante un almorzo informativo, organizado por Nueva Economía Fórum. Núñez Feijóo afirmou que a Xunta analizará a sentenza para determinar "se o que di e ao que obriga" é a anular as axudas públicas a estes centros. E engadiu que "nós sempre aplicamos as sentenzas e neste caso o que nos toca é estudar a sentenza e, por suposto, se iso é o que di e iso é ao que obriga, imos cumprir, como cumprimos sempre todas as sentenzas que se ditan". Porén, Feijóo tamén sinalou que existen outras resolucións xudiciais "a favor de manter ese tipo de concertos", en referencia a unha sentenza do Tribunal Supremo.

Feijóo: "Nós sempre aplicamos as sentenzas e neste caso o que nos toca é estudar a sentenza e, por suposto, se iso é o que di e iso é ao que obriga, imos cumprir, como cumprimos sempre todas as sentenzas que se ditan"

O Goberno central prepara, no marco da Lei Wert, unha modificación legal para permitir que os colexios segregacionistas poidan ser concertados. Pero a normativa vixente, a LOE, "prohibe tallantemente a discriminación dos alumnos na admisión a centros públicos e concertados", ademais de outorgarlle prioridade aos centros educativos que practiquen a "coeducación", isto é, o ensino en pé de igualdade para nenos e nenas. A xuízo do TSXG a retirada dos concertos "respecta a liberdade de educación así como a libre elección de centro por parte dos pais", tamén "a liberdade de creación" deste tipo de colexios "por quen adopte un ideario que opte pola educación diferenciada por razón de sexo". Pero esa liberdade, vén dicir o tribunal, non pode estar por riba "dos principios e regras vixentes".

 

Partidos e sindicatos esixen que se cumpra a sentenza e AGE pide a dimisión de Jesús Vázquez

CCOO-Ensino congratulouse coa sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e esixiu que a Consellería "aplique de inmediato a sentenza, retirando o concerto a estes centros". O mesmo pediu CIG-Ensino, pero tamén criticou que o TSXG declarou legais estes concertos cando o sindicato os recorreu no ano 2009 o que levou a CIG a presentar un recurso de casación diante do Tribunal Supremo, en xuño de 2012, que está pendente de resolverse. "Agora o TSXG ten que rectificar a súa actuación ao ver superada a súa doutrina polo Tribunal Supremo que, no pasado verán, a través de dúas sentenzas, referidas a centros de Cantabria e Andalucía, declarou ilegais estes concertos", engadiu.

O Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, anunciou a inmediata presentación, por parte do Grupo Socialista de varias iniciativas orientadas a evitar que se recorra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que invalida as axudas aos colexios que segregan por sexo, “para que non faga o ridículo como co do plurilingüismo”. Outra iniciativa irá dirixida ao que o destino dos máis de tres millóns de euros dos concertos con estes colexios que manteñen un ensino separado de nenos e nenas ao comedores escolares, mediante unha modificación de crédito nos orzamentos.

AGE pide a dimisión do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, xa que “destroza todo o que toca”

Pola súa banda AGE pide a dimisión do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, xa que “destroza todo o que toca” cunhas decisións políticas "que fulminan o carácter gratuíto e universal do sistema público do noso país". Xabier Ron e Ramón Vázquez denunciaron o “repago” do servizo de comedores, que suporá "o colapso económico as clases populares e medias incumprindo ademais a palabra dada por Jesús Vázquez en campaña electoral na que repetiu unha e outra vez que non ía subir o prezo dos comedores escolares". Ademais AGE celebrou a sentencia do TSXG e lembrou as iniciativas parlamentarias e a Proposición non de lei presentada polo grupo parlamentario na que se pedía ademáis que os 3 millóns de euros anuais que se están a destinar a este tipo de centros se invistan no sistema educativo público, “por exemplo pagando os comedores escolares en lugar de que obrigar a que sexan as familias as que o teñan que pagar”.

O BNG pide que os centros devolvan os cartos públicos que recibiron "mentres practicaban unha educación sexista cos orzamentos de todos os galegos e galegas"

Finalmente, os deputados do BNG, Carme Adán e Cosme Pombo piden, a través dunha iniciativa parlamentaria que, o Goberno galego “acate de inmediato a sentenza”. O Bloque denuncia que “o PP a través do anteproxecto da LOMCE pretende levar adiante unha contrarreforma educativa que aspira a normalizar o desvío de fondos públicos a centros privados que segregan e discriminan ao alumnado en función do sexo”. O BNG pide que os centros devolvan os cartos públicos que recibiron "mentres practicaban unha educación sexista cos orzamentos de todos os galegos e galegas".

Intervención de Núñez Feijoo esta mañá © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.