A Xunta quita ferro aos residuos en Corcoesto e permite menos medidas de seguridade

Corcoesto é unha zona cun terreo rico en ouro, no que dende hai séculos se traballaron pequenas explotacións © caminosdelfindelmundo.wordpress

A Xunta considera os residuos mineiros de Corcoesto como "non perigosos" (case 70.000 toneladas de arsénico e unhas 4.500 de cianuro) e permítelle á empresa que prevé explotar a mina que non conte cun Plano de Emerxencia Exterior (PEE) para as instalacións onde se prevén depositar os refugallos. Así o denuncia a asociación ecoloxista Adega, que por este motivo recorrerá a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) coa que o Goberno galego deu o visto e prace ao proxecto.

"A caracterización dos refugallos mineiros é outra das mentiras do proxecto mineiro de Corcoesto que a Xunta aprobou hai uns días, como agasallo de Nadal envelenado para toda a poboación", denuncia Adega, que advirte que para Edgewater "e os seus cómplices no Goberno", estes refugallos (do oco, entulleiras e balsas) son "non inertes, non perigosos", o que implica "unha fraudulenta caracterización" e significa que as instalacións nas que se depositan (oco, entulleiras e balsas) non teñen a categoría A e, polo tanto, "non precisan dun Plano de Emerxencia Exterior (PEE) que estableza os protocolos de actuación diante dunha emerxencia que supere a capacidade de resposta dos servizos habituais".

A Xunta dá o visto e prace á consideración dos residuos como "non inertes e non perigosos" o que evita que se instauren máis medidas de seguridade

A organización ecoloxista pregúntase "como é posíbel" que a Xunta "tolere esta fraudulenta catalogación dos refugallos mineiros malia a conter enormes cantidades de arsénico facilmente lixiviábel alén de compostos cianurados". Ademais, cuestiona tamén por que o Goberno non esixe a Edgewater contar cun PEE, "arriscando deste xeito a saúde ambiental e cidadá".

A denuncia de Adega só é unha máis das que levan días facéndose públicas, tanto por parte de agrupacións ecoloxistas, como colectivos veciñais ou partidos políticos. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) xa advertira de que a antiga e pequena explotación mineira de Corcoesto duplicara os niveis de arsénico no río Anllóns, ao tempo que alertaba das enormes cantidades de refugallos e substancias nocivas que a extracción do mineral deixaría na zona.

Adega cre que os residuos deberían clasificarse como "perigosos" e levar aparellados "un plan de emerxencia"

O proxecto de Edgewater para Corcoesto clasifica os residuos da actividade mineira como “non inertes non perigosos”. Adega lembra que as análises previas sinalan uns niveis de arsénico superiories aos de referencia, así como o uso de cianuro para a extracción de ouro por lixiviación dinámica. Ademais,  recorda que "existen outros tres tipos de residuos non catalogados" e derivados da actividade extractiva ou da lixiviación. "Deberían clasificarse como non inertes perigosos", advirte Adega, que asegura que as instalacións destinadas a albergar os refugallos deberían ser clasificadas de tipo A, segundo directivas europeas, e polo tanto deberían levar aparellado o Plan de Emerxencia Exterior.

Segundo Adega, a "incorrecta catalogación dos refugallos mineiros" que realiza Edgewater, bendicida pola Xunta na súa DIA, fai que a empresa "non teña que presentar un Plano de Emerxencia Exterior, aforrando cartos e trámites a costa de poñer en perigo o medio ambiente e a saúde da poboación". Para a asociación ecoloxista, estes feitos son unha "omisión dolosa, e poderían constituír cando menos e presuntamente, delito de prevaricación, contra a saúde pública e contra o medio ambiente". "A Xunta debería anular a DIA recentemente aprobada e obrigar a empresa a dar cumprida resposta aos riscos derivados do seu proxecto mineirose non quere expoñerse ás accións xudiciais eventualmente derivadas da aprobación da vergoñenta Declaración de Impacto Ambiental", conclúe.

Protesta da plataforma xunto a afectados chegados de Asturias CC-BY Plataforma pola defensa de Corcoesto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.