A Xunta recibe ao día 24 avisos que alertan da avespa asiática

Xuntanza de parte do sector apícola en Medio Rural © Conchi Paz

Nin a loita contra a problemática praga da avespa asiática provoca unha fronte común na busca de solucións en Galicia. Na xuntanza -solicitada desde hai tempo- que a Consellería de Medio Rural mantivo este pasado mércores, só estivo presente unha pequena representación do sector apícola do país, malia que a vespa velutina supón xa unha ameaza non só para as abellas, senón para as árbores froiteiras, o sector forestal e a propia seguridade cidadá en moitos municipios. A Xunta vetou os representantes dos concellos e doutros sectores acordados pola plataforma creada o pasado 28 de agosto en San Sadurniño. E a Asociación Apícola Galega (AGA) -entidade que agrupa a maior parte do sector apícola, con 1.600 socios, e que ten maior implantación nas zonas máis afectadas- tampouco asistiu en protesta pola decisión da Administración. 

Tan só unha pequena parte do sector apícola estivo presente na xuntanza para tratar unha praga que afecta a seguridade cidadá,  sector forestal e ás árbores froiteiras

Mentres, Medio Rural anuncia unha serie de medidas, sen dar demasiados detalles de como se van poñer en marcha, e "lamenta a actitude de AGA" por, segundo di, "declinar no último momento asistir á xuntanza, deixando plantada tanto a conselleira como o resto do sector". Desde a propia AGA e desde a representacións dos concellos (Ferrol, Neda, Ortigueira, Carballo, As Pontes, Ribadeo, Ourol, Ames e San Sadurniño) aclárase que a Xunta non permitiu a entrada dos voceiros dos municipios nin doutros grupos como a Asociación da Froita Autóctona do Eume ou a Asociación Agroecolóxica A Cortiña, malia a petición destes por intentar tratar o tema "dunha maneira global e non só abranguendo o sector apícola". 

"A prioridade agora é global porque a praga é un problema no sector forestal, no froiteiro e de seguridade cidadá", di Manuel Varela, concelleiro de Medio Ambiente de San Sadurniño e apicultor, que tampouco puido estar presente na xuntanza. A plataforma que agrupa 40 concellos cre que "o xesto da Xunta é un mal comezo para a busca dunha solución efectiva e consensuada con todos os actores implicados na loita contra a velutina". "Foi un portazo nos fuciños que obvia á mantenta a participación municipal e doutros sectores afectados nun debate tan trascendente e cunha necesidade de solución tan urxente", insisten. 

Os concellos afectados cualifican o "xesto" da Xunta como "un portazp nos fuciños que obvia a participación municipal e doutros sectores nun debate tan urxente"

E lembran, ademais, que, "malia tratarse dunha competencia autonómica", son os concellos, os apicultores e outras entidades as que "asumen directamente e cos seus propios recursos boa parte dunha guerra que polo de agora parecen estar ganando as avespas". "A praga alcanzou xa tal dimensión que o Goberno se ve desbordado para porlle freo sequera", din. 

Desde a plataforma lamentan que a problemática non se trate "desde un punto de vista global" e advirten que "hai moitas cousas mellorables", tal e como advertiran nas demandas que fixeran a Medio Rural a través dun documento. Piden coordinación, dotación de medios e non que as actuacións da Xunta acaben por, como denunciaron varias veces, non ser do todo efectivas. E lembran, unha e outra vez, que o problema xa non é só do sector apícola. De feito, a Administración anunciou ese mesmo mércores o reparto doutras 1.500 trampas, pero só entre os apicultores. "Non se van repartir entre quen non ten abellas? Canta xente hai que sofre a velutina e non ten unha soa colmea?", di Martínez. 

E mentres, o problema segue medrando. A propia Xunta actualizou datos para aclarar que no que vai de ano recibíronse tan só no 012 un total de 6.327 avisos relacionados coa vespa velutina. Son unha media de 24 avisos ao día da presenza duns niños que incrementan a cada paso. Tan só os medios da Administración autonómica retirou ou inactivou 2.715 niños, unha minoría tendo en conta os eliminados polos municipios ou polos propios veciños, os que ninguén foi quen de alcanzar ou todos aqueles que nin sequera se localizaron. Só con cen trampas adicionais que Medio Rural levou ás zonas máis afectadas recolléronse preto de 80.000 avespas asiáticas neste 2015. A tal hora, son uns 150 xa os municipios afectados

O 012 recibiu máis de 6.000 avisos no que vai de 2015 e tan só a Xunta retirou case 3.000 niños de velutina

Ante esta grave situación, a Xunta anunciou a posta en marcha dun plan de formación para os medios de emerxencia sobre a velutina e unha campaña de información á cidadanía e aos concellos. E pouco máis. Por iso, a plataforma creada por AGA e os municipios afectados enviará nesta mesma semana outra petición de reunión a Medio Rural para que atenda as demandas das localidades e leve a cabo, por fin, unha resposta eficiente e coordinada. 

Avespas asiáticas nun niño © AGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.