A Xunta optou pola batalla xudicial. O Goberno galego vén de recorrer a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulou dous artigos fundamentais do decreto do plurilingüismo e que censurou o cerne da súa política arredor da lingua. A plataforma Queremos Galego recibiu a notificación de que a Administración autonómica presentara xa ante o Tribunal Supremo un recurso de casación contra o ditame, polo que se agarda que faga o mesmo co resto de sentenzas emitidas polo alto tribunal a respecto da polémica norma.
Malia que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, asegurou xa en varias declaracións que "as sentenzas do TSXG ratifican a validez total do decreto do plurilingüismo", o seu Goberno vén de decidir recorrelas porque -suponse- non está de acordo con elas, que maioritariamente anulan o artigo 5.2 do decreto, no que se estipulaba a realización dunha enquisa entre os pais e nais en Educación Infantil para determinar o idioma da aula, e o 12.3. no que se establecía que os rapaces e rapazas poderían usar na aula a lingua da súa preferencia, con independencia do idioma no que se impartise cada materia.
O recurso chega despois de que a Xunta teimase en que o TSXG "ratifica a validez total do decreto"
As numerosas sentenzas supuxeron un duro pau ao cerne da polémica política lingüística da actual Xunta porque censuraron precisamente os argumentos esgrimidos durante a campaña electoral de 2009 para contentar os sectores máis radicais da dereita, canalizados a través de altofalantes como a asociación Galicia Bilingüe. Neste contexto, o presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz da plataforma Queremos Galego, Carlos Callón, considera probado que “as mentiras teñen as pernas curtas”, xa que "as accións que realiza a Xunta contradín de forma notoria a súa propaganda falaz a respecto das moitas sentenzas que está a emitir o TSXG sobre o decretazo contra o galego”.
Carlos Callón considera que “tanto Feijóo como o seu conselleiro de Educación lle fan moito dano a Galiza só polo mero feito de mentiren de forma reiterada, pois o país precisa un Goberno críbel”. Por iso, o portavoz de Queremos Galego sinala que “o Parlamento debería pensar seriamente en propor a tipificación das mentiras dunha autoridade pública”.
Imponse a liña máis dura
O secretario de Política Lingüística abrira a porta a introducir "axustes" no decreto
Coa decisión de recorrer ao Supremo a Xunta amosa pola vía dos feitos a imposición da liña máis dura do Goberno galego na defensa da política lingüística da que fixo bandeira o PP dende 2009. Non en van, o recurso de casación segue ao pé da letra o argumentario xa bosquexado por Jesús Vázquez nada máis coñecer a primeira das sentenzas, no que tamén avanzou que, con independencia das decisións xudiciais, a Consellería de Educación seguiría realizando as enquisas entre as familias do alumnado para condicionar a lingua do ensino. Fracasan así, polo tanto, as teses máis moderadas existentes no seo da Administración educativa galega, representadas polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que mesmo deixou a porta aberta a introducir "axustes" no decreto para adaptalo aos ditames xudiciais.
Neste contexto, ademais de batallar pola vía legal o Goberno galego volve desoír os convites ao consenso lingüístico lanzados dende as forzas da oposición parlamentaria. Así, lonxe de atender o chamamento de PSdeG, AGE e BNG, centrado na necesidade de seguir os preceptos do Plan Xeral de Normalización do ano 2004 -aprobado por unanimidade no Parlamento- o Executivo autonómico aposta por continuar, ata as últimas consecuencias, coa reforma lingüística iniciada en 2009. Deste xeito o gabinete conservador non só desdeña os ofrecementos do resto de formacións políticas, senón tamén as advertencias do Consello de Europa.