A Xunta reduce a achega para cooperación nun 38% e as ONGDs acusan o PP de mentir na campaña electoral

Presentación do III Plan de Desenvolvemento da Illa de Santo Antão, cofinanciado polo Fondo Galego. © Fondo Galego de Cooperación Internacional

Por primeira vez dende 2005 o Goberno galego non dedicará fondos a novas convocatorias de proxectos de cooperación exterior. En total a Dirección Xeral de Cooperación Exterior e coa UE reducirá un 38 % os fondos previstos para 2013 en materia de cooperación ao desenvolvemento. Só se financiará unha convocatoria de acción humanitaria e de axuda de emerxencia dotada con 400.000 euros e o resto dos fondos orzamentados para 2013 cubrirán os pagos das segundas anualidades dos proxectos aprobados en 2012.

En total o orzamento previsto será de 4.143.379 euros, un 0,05% do orzamento total consolidado previsto, unha porcentaxe que se sitúa moi lonxe do 0,7% comprometido para 2017 por todos os partidos que asinaron o Pacto Galego contra a Pobreza.

A Coordinadora Galega de ONGD critica con dureza esta decisión e afirma que o PP "está a dinamitar o traballo que as organizacións da sociedade civil galega apoian dende hai máis de vinte anos nos países do Sur para que milleiros de persoas poidan vivir en condicións dignas". Ademais acusa os populares de mentir durante a pasada campaña electoral, na que se comprometeron a non só manter senón a aumentar o orzamento de cooperación. A Coordinadora lembra en concreto a intervención de Marta Rodríguez Arias, deputada do PP pola provincia de Pontevedra, que o 27 de setembro participou no debate sobre políticas sociais que tivo lugar en V Televisión e que foi organizado pola Coordinadora Galega de ONGD e a Rede Galega contra a Pobreza. A Coordinadora recomenda ver este vídeo do debate, concretamente nos minutos 28 e 52.

As ONGD galegas afirman que nos vindeiros días decidirán cales serán as accións a levar a cabo "para denunciar este novo recorte que leva cara o desmantelamento da cooperación galega".

Presentación do III Plan de Desenvolvemento da Illa de Santo Antão, cofinanciado polo Fondo Galego. © Fondo Galego de Cooperación Internacional
intervención de Marta Rodríguez Arias no debate que a Coordinadora de ONGDs citan na súa denuncia © V Televisión

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.