A Xunta segue "sen mover ficha" para a declaración do Pindo como parque natural

O 14 de abril de 2012 unha manifestación pediu a declaración do espazo como parque natural © Juan Louro

Pasan os meses, pasan os anos e non chega a declaración de parque natural para o Monte Pindo. Hai un ano, o 14 de abril de 2012, unha manifestación percorreu a zona demandando esta figura de protección para o espazo, como tamén veñen tempo reclamando ducias de especialistas e investigadores e máis dun cento de entidades sociais de todo tipo. As xestións ante a Xunta foron moi numerosas e na pasada lexislatura a plataforma Monte Pindo Parque Natural reuniuse co conselleiro Agustín Hernández, que amosara "boa vontade e mesmo disposición a facelo efectivo". Porén, a Xunta "non moveu ficha" e despois das eleccións de outubro a plataforma volveu solicitar unha reunión con Hernández, que non foi respondida en tres meses.

Nas vindeiras semanas unha representación da asociación manterá un encontro co conselleiro

A resposta chegou finalmente e nas vindeiras semanas unha representación da asociación manterá un encontro co conselleiro, que tamén requiriu nova documentación para avanzar no proceso.

Nos últimos dez anos a Xunta non declarou ningún novo parque natural, figura que se viu substituida de facto por outra, a Rede Natura 2000, "que xera serias dúbidas entre a sociedade polos seus escasos efectos reais sobre a protección do medio ambiente e as trabas ao desenvolvemento substentábel dos pobos nos que se implanta", segundo a asociación. Tamén denuncian que nos últimos tempos se ven producindo "un continuado incremento das agresións de diversa natureza ao Monte Pindo motivadas polo aumento das visitas e sobre todo pola total falta de vixilancia e control", e que estes problemas "poderían atallarse de inmediato coa declaración do Parque Natural".

Marcha no Monte Pindo © www.montepindo.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.