A Xunta subvenciona con 300.000 euros a minería e prima a Costa da Morte nas axudas

Manifestación contra a mina de Corcoesto en Coristanco © Monte Pindo Parque Natural

O Diario Oficial de Galicia (DOG) deste 7 de xuño acaba de confirmar unha nova achega de cartos públicos por parte da Xunta para a subvención "de entidades sen ánimo de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento do sector mineiro galego". É outra achega pública máis ao sector mineiro que se une á de 800.000 euros que o pasado ano o Goberno galego incluíu dentro dunha liña de axudas destinadas a "reforzar o desenvolvemento da eficiencia da minaría galega" e que encheu de receos os colectivos contrarios a proxectos como a mina de Corcoesto os cales, ao tempo que puñan en dúbida a propia ausencia de ánimo de lucro, observaban nos subsidios unha vía para facilitar dende o Goberno a posta en marcha de novas explotacións mineiras.

As protestas tampouco se fan esperar agora. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) destaca que "mentres os recortes do gasto público afectan as pensións, a sanidade, a educación, os salarios e, dende logo, a conservación do patrimonio natural galego, a Consellería de Economía e Industria contempla subvencionar "o desenvolvemento de proxectos e actuacións encamiñadas ao fomento da minaría de Galicia".

A Xunta inclúe entre as zonas prioritarias para recibir as axudas a Costa da Morte e Ferrolterra, que non aparecían o ano pasado

A Xunta deixa ben claro o seu obxectivo, ao considerar "necesaria" a convocatoria destas axudas "a entidades sen ánimo de lucro do sector mineiro galego", baseadas na "planificación, na mellora tecnolóxica, na protección ambiental e na seguridade e saúde no traballo" e "establecendo incentivos económicos para o fomento da minaría". Ademais, a Consellería de Industria tamén sitúa como zonas prioritarias para a implantación destes proxectos mineiros a Costa da Morte e Ferrolterra, ademais das provincias de Ourense e de Lugo, que xa aparecían o pasado ano, por ser áreas que "se viron afectadas con especial incidencia debido á desaleración no desenvolvemento das empresas existentes, así como a unha menor implantación de novas iniciativas empresariais".

AGE xa denunciu a presenza da Costa da Morte como "zona preferente" para a obtención de subvencións públicas para o fomento da minería, unha zona que non aparecía na convocatoria do pasado ano e na que se sitúa o polémico proxecto mineiro de Corcoesto. "O PP, a través da Xunta, impulsa o espolio do país", denuncia o deputado Antón Sánchez.

Os 300.000 euros poden financiar ata o 90% do total de investimento das iniciativas mineiras aprobadas polo Goberno

Por iso, o Goberno considera "fundamental que a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, a través das súas liñas de axuda, conceda un nivel superior de intensidade de axuda ás iniciativas empresariais implantadas nestas áreas xeográficas coa finalidade de estimular o seu desenvolvemento económico e social". Tal e como aclarara o presidente Alberto Núñez Feijóo, tras o Consello da Xunta no que se aprobaron estas subvencións, os 300.000 euros chegarán a financiar un 80% "do total do investimento das iniciativas que se aproben", aínda que esa porcentaxe incrementarase ata o 90% "para os proxectos que se desenvolvan ou implanten nas provincias de Lugo e Ourense ou nos concellos de Ferrolterra e da Costa da Morte", áreas nas que se emprazan, por exemplo, proxectos como os de Corcoesto, A Fonsagrada, as Fragas do Eume ou Xinzo de Limia.

Entre as "actuacións e gastos subvencionables", malia que a convocatoria di ser para entidades sen ánimo de lucro, a Xunta inclúe a investigación, ordenación e planficación mineira, a eficiencia e racionalización das explotacións, a mellora da seguridade e saúde laboral, a protección ambiental, a innovación ou investigación ou a difusión e promoción do sector mineiro.

Tamén se inclúen nestes gastos a subvencionar polos poderes públicos os que teñan que ver co persoal contratado, co material, cos servizos externos ou con algún outro gasto indirecto.

"As entidades que resulten beneficiadas", explica a Xunta, "poderán acceder a pagamentos anticipados de ata o 25% do apoio concedido en cada actuación, facilitando así o seu financiamento", explicaba Feijóo hai dúas semanas. Pero, cales son estas entidades? "Asociacións ou centros tecnolóxicos do sector, entre outros", isto é, organismos que formalmente non son empresas pero que están impulsados ou destinan a elas o seu labor.

 

Francisco Conde, conselleiro de Economía e Industria © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.