"A Xunta ten que cumprir os seus compromisos coa axuda ao desenvolvemento"

Campaña da Coordinadora estatal de ONGDs © CONGD

Francisco Solano, da Asamblea de Cooperación pola Paz, forma parte da xunta directiva da Coordinadora galega de ONGDs. Denuncian que o feito de que no 2013 non saian novas convocatorias de proxectos vai significar a paralización da cooperación exterior galega. En total a Dirección Xeral de Cooperación Exterior e coa UE reducirá un 38 % os fondos previstos para 2013 en materia de cooperación ao desenvolvemento. Ficará nun 0,05% do orzamento total, unha porcentaxe que se sitúa moi lonxe do 0,7% comprometido para 2017 por todos os partidos que asinaron o Pacto Galego contra a Pobreza. 

O malestar entre as ONGDs galegas é máximo, sobre todo despois de que o PP prometese na campaña electoral que o orzamento mesmo se incrementaría. Nas vindeiras semanas levarán a cabo accións de protesta e queren que o tema se debata no Parlamento. De momento xa solicitaron entrevistas cos partidos con representación parlamentaria para que esta tesoirada se trate no debate sobre os orzamentos.

Solicitaron entrevistas cos partidos con representación parlamentaria para que esta tesoirada se trate no debate sobre os orzamentos

Que consecuencias vai ter esta medida?

A efectos prácticos isto significa que moitos proxectos que continuaron antes do 2012 non van poder continuar. As accións de cooperación son sempre a longo prazo, aínda que traballemos con proxecto anuais ou bianuais. E o feito de que no 2013 non saian novas convocatorias de proxecto significa cortar toda esa planificación de traballo. Ademais, tampouco hai convocatorias de educación para o desenvolvemento e as entidades que traballamos neste campo imos ter moitos problemas para seguir realizando o noso traballo.

Sorprendeuvos a decisión?

"A efectos prácticos isto significa que moitos proxectos que continuaron antes do 2012 non van poder continuar"

A crise non é escusa para recortar en políticas sociais, tendo en conta ademais que o PP prometeu en campaña electoral incrementar o orzamento para a cooperación ao desenvolvemento. É certo que hai comunidades autónomas nas que o recorte foi maior. Pero a Xunta non pode presentar iso como desculpa: ten que cumprir os seus compromisos coa axuda ao desevolvemento.

Con este recorte o obxectivo do 0,7% semella máis lonxe ca nunca?

A cooperación galega o momento no que máis se achegou a ese 0,7% foi no último ano do goberno bipartito, cando o orzamento foi do 0,11%. Dende entón foi sempre para abaixo: pasamos a un 0,08%, despois a un 0,06% e agora a un 0,05%. É unha tendencia preocupante aínda que a Dirección Xeral nos di que hai que confiar que a cifra non baixará máis. Os tres partidos galegos con representación parlamentaria en 2010 asinaron o Pacto Galego contra a Pobreza no que se comprometeron a dedicar o 0,7% en 2017.  Máis que algo simbólico é unha meta máis que razoable. Hai moitos países que xa chegaron a ese obxectivo e nós imos cara atrás.

Os recortes están afectando moi duramente as vosas entidades. Como está a situación neste momento e como se presenta o 2013?

"Seguramente non comunicamos de forma adecuada o traballo que realizamos e por que o realizamos. Non conseguimos que callase na sociedade o discurso sobre as causas que fan necesaria a axuda ao desenvolvemento"

Todos os esforzos que as ONGDs dedicamos a profesionalizarnos e toda a capacidade operativa da que nos dotamos para realizar unha axuda ao desenvolvemento de calidade foron reducíndose. Houbo ONGDs galegas que pecharon, outras entidades estatais pecharon as súas delegacións en Galicia e a meirande parte das organizacións xa realizaron un ou varios EREs para poder sobrevivir á crise.

Pensades que a sociedade valora o voso traballo suficientemente?

Cremos que o noso traballo si se valora. Pero tamén facemos autocritica: seguramente non comunicamos de forma adecuada o traballo que realizamos e por que o realizamos. Non conseguimos que callase na sociedade o discurso sobre as causas que fan necesaria a axuda ao desenvolvemento. Por iso unha parte da poboación xustifica os recortes para este sector.

Campaña da Coordinadora estatal de ONGDs © CONGD
Acción de cooperación exterior en Haití © Asamblea de Cooperación Por la Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.