A Xunta xoga a dúas bandas coa mina de feldespatos da Limia

Mina de feldespatos © SLG

A Xunta de Galicia xoga a dúas bandas co polémico proxecto da mina de feldespatos a ceo aberto na comarca da Limia. Segundo denuncia a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), mentres a Conselllería de Medio Rural declara a Limia como Zona de Especial Interese Agrario e proxecta catro novos plans de regadío, a Consellería de Economía e Industria somete a información pública o devandito proxecto que "coincide exactamente cunha das catro zonas que se pretenden transformar en regadío".

A SGHN denuncia que mentres Medio Rural declara a Limia como Zona de Especial Interese Agrario, Economía somete a información pública o proxecto da mina

Para a SHGN, esta é outra mostra das "actuacións caóticas e descoordinadas das administracións públicas na Limia por parte da Xunta de Galicia". Segundo este colectivo, a descoordinación foi tal que "durante varias semanas coincidiron no tempo os trámites de información pública de ambos os dous proxectos". Precisamente, e ao da mina de feldespatos, foron varias as agrupacións que presentaron alegacións para impedir que a empresa Minecer desenvolva o seu proxecto Faramontaos 5089.1 de extracción de feldespato a ceo aberto en Trasmiras e Xinzo de Limia, outra das ameazas mineiras que soporta Galicia, segundo denuncian numerosos expertos.

A Xunta non desbota o proxecto, pero aclara queu non o autorizará "se non beneficia a comarca"

Mentres plataformas veciñais ou ecoloxistas se opoñen ao proxecto, o conselleiro de Economía vén de asegurar no Parlamento que non autorizará a intención da empresa mineira "se non beneficia a comarca", tras explicar que a Xunta tan só cumpre a normativa na tramitación da solicitude dun proxecto que se someteu a información pública, ao que xa se presentaron as alegacións e do que se fará agora a avaliación de impacto ambiental.

"Non se pode valorar a conveniencia de autorizar ou non a concesión de explotación", aclarou o conselleiro, á espera de recibir os informes solicitados a varios organismos, tras insistir en que a intención do Goberno galego é "acadar unha minería sostible, segura, dinamizadora, innovadora e xeradora de postos de traballo".

No entanto, colectivos ecoloxistas, comunidades de regantes ou plataformas veciñais seguen amosando o seu rexeitamento frontal -incluso a través dunha carta ao presidente Feijóo- a unha mina que afectaría máis de 400 hectáreas de terras agrarias nas parroquias de San Pedro, Laroá, Fiestras, Rebordechá, Paredes, Moreiras, Faramontaos e Seoane. Nestas parroquias, como lembran, "téñense investido millóns de euros do erario público en concentracións parcelarias e diversas infraestruturas para potenciar o uso agrícola do solo, un dos máis ricos e fértiles da bisbarra, como melloras de vías de comunicación ou regadío".

A mina afectaría a máis de 400 hectáreas, pero poría en perigo a importante actividade agrogandeira de toda a zona

"A explotación de feldespato provocaría a perda de fertilidade e de lentura das fincas colindantes, ata centos de metros ao redor das minas a ceo aberto, algo que xa se ten constatado nas zonas de extracción de áridos de Sandiás e de Vilar de Santos", denuncia o Sindicato Labrego Galego (SLG), que recorda tamén que o proxecto de Minacer "bate de fronte coa actividade da Comunidade de Regantes do Corno do Monte", que foi o resultado da fusión de doce comunidades de regantes e abastece 1.257 hectáreas.

A incidencia negativa por acumulación de residuos na capa freática, así como o deterioro das augas imprescindibles para os cultivos da zona ou a produción de po en suspensión son outros dos perigos que tería a mina para a importante actividade agrogandeira da comarca da Limia.

Cartaz da plataforma Corno do Monte © http://cornodomonte.wordpress.com
Mina de feldespatos © SLG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.