A Xustiza anula os servizos mínimos do Concello na folga de lixo de Lugo

Concentración dos traballadores de Urbaser Dominio Público CIG-Servizos

A xustiza vén de anular os servizos mínimos que o pasado 21 de xullo o Concello de Lugo para a folga de lixo que manteñen os traballadores de Urbaser na cidade e que acumula máis de cincuenta días de paro. O goberno local tomara a decisión hai máis dunha semana, polo que os elevaba do 50 ao 100% no caso da limpeza viaria e da recollida de residuos sólidos, así como de todo o material reciclable, agás o vidro.

A xustiza suspende o decreto que elevaba ao 100% os servizos mínimos na folga do lixo

Tan só un día despois da publicación deste novo decreto de servizos mínimos, o comité de empresa presentou un recurso contencioso-administrativo co que solicitaba a adopción de medidas precautorias en relación a esta resolución administrativa e, xa que logo, a suspensión deste decreto.

Agora, segundo o auto ao que tivo acceso Praza, o xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Lugo estima esta solicitude e suspende o devandito decreto de servizos mínimos que leva vixente máis dunha semana no intenso conflito que manteñen traballadores e a empresa de servizo de recollido de lixo.

"Os servizos mínimos están lesionando o dereito de folga", di o auto

No auto, o maxistrado argumenta a súa decisión en que "o dereito de folga atópase mediatizado polo contido imposto polos servizos mínimos, de forma que se na resolución de fondo se chegase á conclusión de que estes están lesionando ese dereito, resultaría que chegaría tarde para a súa reparación". Ademais, e en canto á situación de risco sanitario á que alucía o Concello, a xustiza asegura que "a constatación dunha situación pola vía de feito non pode levar neste caso a unha modificación da situación de dereito, máxime cando se produce en detrimento dun dereito fundamental".

O auto aclara tamén que, logo da documentación achegada, "onde se dá conta das rúas afectadas, non se pode deducir un estado de grave risco para a saúde en todo o termo municipal de Lugo, que xustifique a elevación dos servizos mínimos ata o 100%". "Tampouco é admisible a consideración de que a falta de determinados equipamentos ou preparación de vehículos deba dar lugar ao incremento de servizos mínimos, porque non se xustifica en qué medida a falta de preparación estea relacionada coa situación de folga ou en qué medida isto impide cumprir cos servizos mínimos antes decretados", continúa.

"Non se pode deducir un estado de grave risco para a saúde en todo o termo municipal de Lugo que xustifique a elevación dos servizos mínimos ata o 100%"

"Se a situación de risco é sempre localizada e concreta, aínda que poda variar dunhas rúas a outras, e precisamente por isto, non se comprende por qué razón a elevación de servizos mínimos se produce indiscriminadamente en todo o territorio do municipio
cabe concluír que se pretende presentar o argumento da saúde pública, sen dúbida ben necesitado de protección, como xustificativo da neutralización de toda acción visible que supón o exercizo do dereito de folga, o que non pode ser admitido", continúa, tras aclarar que no xuízo de ponderación de intereses "debe resolverse a favor do exercizo do dereito de folga das traballadoras e traballadores de Urbaser, xa que indiciariamente, sen prexuízo do que no seu día se resolva, non se considera proporcionada a limitación que do dereito á folga se fai mediante a limitación a mesma mediante uns servizos mínimos como os contidos no decreto".

Ademais, o xuíz impón as custas procesuais á parte demandada e aclara que contra esta resolución poderá interpoñerse recurso de apelación.

Protesta dos traballadores de Urbaser no Concello de Lugo © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.