A Xustiza paraliza o reinicio das obras no río Sarria por carecer de autorización

A Garda Civil desaloxa os activistas no río Sarria CC-BY-SA Plataforma Sarriana polo Río

As obras na ribeira do río Sarria veñen de reiniciarse na mañá deste martes despois da forte contestación veciñal que o proxecto de encanamento está a ter na vila e logo de que as protestas da Plataforma Sarriana polo Río lograsen evitar o tronzamento da maioría das árbores que estaban en perigo, así como o mantemento da illa do Toleiro na súa actual configuración. Malia iso, a Garda Civil procedeu hoxe ao desaloxo das persoas que como cada día intentan evitar acampadas á altura da ponte a desaparición do espazo situado no Camiño Francés para que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil dea comezo ao contestado proxecto. Pero só unhas horas despois de que as escavadoras comezasen os traballos, o xulgado da vila ordenou paralizalos tras a denuncia do colectivo contrario ao proxecto.

A Garda Civil desaloxou os activistas e protexeu as escavadoras para que reiniciasen as obras no río Sarria

Son uns poucos ameneiros -prevíanse uns sete- os que estaban a ser cortados a poucos metros do Camiño e sen a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio, tal e como denuncia o colectivo contrario á obra, que presentou unha denuncia para exixir a paralización dunhas obras que carecerían do permiso necesario. Pouco despois, e segundo informou a Plataforma, o xuíz revisou o expediente e ordenou que se paralizasen os traballos das escavadoras, que xa tronzaran varias árbores. Mentres, e tras unha visita dos activistas ao Concello, o alcalde José Antonio García cualificou de "radical e violenta" a postura dos desaloxados.

As escavadoras traballaron xa desde primeira hora da mañá entre a tensión e as protestas dos activistas, conscientes tamén de que o acordo anunciado pola Confederación e o Concello salva "o 95% das árbores que estaban ameazadas", así como as illas ameazadas. Unha pequena vitoria que, non obstante, foi empañada por un polémico reinicio do proxecto, sen aviso e xusto cando a plataforma valoraba os avances conseguidos, así como a fin da acampada e novas formas de mobilizacións.

A Plataforma Sarriana polo Río denuncia que se cortaron árbores ao carón do Camiño Francés sen autorización de Patrimonio

Uns vinte axentes da Garda Civil foron os que desaloxaron a zona para permitir o traballo das máquinas. Agora, a Plataforma quéixase das présas dunha Confederación que decidiu reiniciar as obras só unhas horas despois de anunciar que aceptaba boa parte das propostas dos activistas, que aínda non foron informados oficialmente dos avances. "Seguen adiante antes de sentarse a falar e logo dunha información moi pouco concreta; a modificación respecto do que se prevía nun principio é tremenda e positiva, pero temos que ter todo claro", di José María, un dos membros do colectivo contrario ao proxecto, que non se fía agora de que se respecte todo o acordado.

O caso é que a xuntanza do pasado luns entre a Confederación Hidrográfica e o Concello tivo lugar sen representante ningún da Plataforma Sarriana polo Río, queu avisaran de que non poderían asistir á hora acordada e pediron o seu adiamento. Non obstante, a reunión seguiu adiante e tanto a administración local como a responsable das obras anunciaron un acordo que implicaba que se aceptasen varias das demandas do colectivo, entre elas manter a illa Tolleiro na súa actual configuración e "manter a práctica totalidade da superficie arbórea existente". Non se cumpriron todos os requisitos da veciñanza, pero si moitos deles, algo que os contrarios ás obras consideran "un paso adiante". "Sálvanse o 95% das árbores, pero ese 5% estano cortando sen autorización", destacan.

A loita veciñal logrou salvar o 95% das árbores que tiñan previsto eliminar, así como a illa do Toleiro

A Plataforma xa acudiu ao Concello de Sarria nesta mesma mañá, onde se pechou para pedir explicacións polo reinicio das obras, ás que tamén acusan de non facer inventario ningún do arborado nin de adoptar medidas de profilaxe sobre os amieiros que están enfermos, que eran os que se ía tronzar coas escavadoras, que podían ter actuado tamén contra especies sás. Este mesmo luns, profesores da USC criticaron o proxecto de encanamento do río e un tipo de actuación "que vai quedando anticuada en sociedades avanzadas en aspectos ambientais, preferíndose actuacións brandas máis respectuosas co medio ambiente e a paisaxe".

Desde que a Conferencia Hidrográfica, co apoio do Concello de Sarria, iniciou as obras, a Plataforma levou a cabo unha forte campaña de rexeitamento contra un proxecto que prevía acabar con máis dun cento de amieiros, árbores protexidas a nivel europeo e que forman parte da paisaxe autóctona. A intención destas obras é, segundo a administración local, evitar o desbordamento do río e é por iso polo que a Confederación tería previsto expropiar o muíño do Toleiro, argumentando que parte da finca sitúase nunha zona anegable.

Pero os veciños de Sarria uníronse desde un principio para rexeitar un proxecto que, tal e como recoñece o informe de obra, tan só podería minimizar as anegacións pero non eliminalas de vez. O custo da obra superaría os 6 millóns de euros, que serían financiados con fondos FEDEr (070%) e pola porpia Confederación Hidrográfica (30%). 

A Garda Civil protexe as escavadoras en Sarria CC-BY-SA Plataforma Sarriana polo Río
Unha escavadora reinicia as obras no río Sarria CC-BY-SA Plataforma Sarriana polo Río

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.