"Aborto libre e gratuíto, as mulleres decidimos"

Cabeceira da manifestación en Compostela © Anova

Varios centos de persoas marcharon este sábado en Compostela "por un aborto legal, seguro e gratuíto" e ante a posibilidade de que o Goberno abra en outubro o proceso para eliminar o dereito das mulleres a decidir sobre os seus corpos. Convocados pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, a marcha partiu da estación de tren de Santiago para rematar na praza Roxa.

A manifestación clamou "por un aborto legal, seguro e gratuíto"

Apoiada polas 65 organizacións e colectivos que conforman a plataforma, a marcha cargou contra as intencións do Goberno central -e nomeadamente contra o ministro de Xustiza- nunha xornada que nin o mal tempo empañou. "Ningunha lei reduce o número de abortos, unha muller que ten decidido abortar vaino facer, coa lei ou sen ela, en condicións sanitarias óptimas, que é o que esiximos, ou noutras condicións. O que vai conseguir Gallardón é que aumenten os abortos de risco. Cada ano morren 70 mil mulleres no mundo por abortos clandestinos", advertiron os convocantes na presentación desta manifestación.

"Aborto libre e gratuíto, as mulleres decidimos", rezaba a pancarta que encabezaba a marcha, á que se sumou toda a oposición política e unha morea de organizacións sociais e feministas. "Legalizar o aborto xa", dicía outra. A choiva non puido nin coas proclamas nin cos centos de cidadáns que volveron berrar contra o que consideran un retroceso máis nos avances sociais acadados nas últimas décadas no Estado. Un máis como a Lei Wert, contra a que outros tantos centos de persoas se manifestaron á mañá na mesma cidade.

 

Manifestación en Compostela Dominio Público @frentepg
Cabeceira da manifestación en Compostela © Anova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.