A Audiencia Provincial revogou a sentenza do Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra que condenaba a varios sindicalistas a cumprir tres anos e un día de cadeea por un delito de ameazas e cocaccións logo de actuar como piquetes durante unha folga do sector da alimentación hai tres anos. Así, a Xustiza absolveu a Carlos Búa, de CCOO; Marcos Cadórniga e Carlos Alján, da CIG, logo de citar xurisprudencia do Tribunal Constitucional e lembrar que os piquetes son legais e non todos os excesos que poidan cometer son un delito.
O Tribunal lembra que os piquetes son legais e que non todos os excesos poden ser considerados delitos
Así, o tribunal entende que "o exercicio abusivo do dereito de folga non se pode identificar coa participación en grupos de folguistas, e tampoco a simple representación dos mesmos é, de acordo coa lei, motivo suficiente para ser responsabilizado polo delito de coaccións cometido por outros". A sentenza é firme e non cabe recurso.
Os tres sindicalistas absoltos mantiñan desde o pasado 23 de novembro, xunto con outros membros dos sindicatos, unha folga rotativa de fame ante a Audiencia Provincial. A medida de protesta ante a primeira sentenza emitida polo Xulgado do Penal semella que fixo efecto.
Os sindicalistas amosaron a súa satisfacción. Así, Marcos Cadórniga, da CIG, cualificou de "incrible" o apoio da sociedade e dos compañeiros. Ademais, advertiu que a experiencia vivida non lle fará cambiar a súa actitude ante un piquete. Carlos Büa, de CCOO, declarouse "moi contento". "Hoxe focalízanse en nós, pero detrás de nós veñen máis", asegurou. "Seguiremos defendendo a clase traballadora... Pasase o que pasase", engadiron ambos os dous.
"No Estado existe represeión contra os movementos sociais", lembran os sindicalistas
"A mobilización e a presión social dá os seus froitos. É unha pequena batalla gañada", insistiu Cadórniga, que lembrou que malia a última sentenza da Xustiza, no Estado "existe represión contra os movementos sociais e a Fiscalía pretende encarcelar sindicalistas por defender un dereito fundamental como a folga".