"Achegámonos aos límites do crecemento. É moi necesario contribuír ao debate dende o ecofeminismo"

Cartaz do I encontro 'Mulleres en Transición' Dominio Público Colectivo Mulleres en Transición

O planeta atravesa unha crise sistémica que pon en cuestión a maneira en que o ser humano xestionou os seus recursos e a propia relación co medio dende o inicio da revolución industrial. Nos últimos anos veu callando a conciencia dun fin de ciclo e emerxeron con cada vez máis forza as teorías do decrecemento. Un debate e unha proposta de actuacións a nivel global na que o feminismo ten moito que dicir e no que as mulleres deben ser protagonistas. Con esta filosofía está a prepararse a primeira edición do encontro Mulleres en Transición, que se celebrará entre o 19 e o 21 de xuño na Casa Pousadoira de Miño.

"O ecofeminismo enlazado co decrecemento pode achegar moito ao cambio de valores que precisamos para enfocar a vida desde unha perspectiva de calidade que nos permita sobrevivir dignamente a un posible colapso civilizatorio", destacan as súas organizadoras, que engaden que nas xornadas se proporá "unha reflexión a respecto do que precisamos para desenvolver e coidar a vida, unha vida plena que mereza ser vivida, tendo en conta un futuro en descenso enerxético e de crecemento material limitado".

"Podemos prescindir de moitas cousas, pero non daquelas cousas imprescindibles para ter unha vida digna. E aí as mulleres temos moito que achegar ás teorías do decrecemento"

"Estamos nun momento en que debemos reflexionar que nos interesa manter. Podemos prescindir de moitas cousas, pero non daquelas cousas imprescindibles para ter unha vida digna. E aí as mulleres temos moito que achegar ás teorías do decrecemento", destaca Begoña de Bernardo, responsable de Casa Pousadoira e membro de Véspera de Nada. "Asomámonos a ese precipicio, achegámonos aos límites do crecemento, eses límites dos que xa se alertaba no ano 1972 naquel informe do Clube de Roma -Os límites do crecemento-, que se demostrou co paso das décadas que non estaba moi errado. Cada vez somos máis as persoas convencidas de que esta non é unha crise pasaxeira e de que tampouco é só unha crise económica, senón que vai moito máis aló e é moito máis profunda; é unha crise de sistema, de civilización, de valores. É aquí onde entra en escena a teoría do decrecemento", di.

"Os humanos somos moi voraces: consumimos todo o que temos e seguimos producindo. E iso alimenta un sistema económico moi perverso e baseado no crecemento continuo"

"Cada vez hai máis xente que se amosa convencida de que isto non pode volver ser como foi. Sobre todo as xeracións máis maiores viron que nas últimas décadas se produciu un crecemento desmesurado e que non ía a ningures: tirar cemento, tirar asfalto, e despois volver facelo, porque o crecemento é o que pide" -sinala- "Pero ao mesmo tempo semella difícil aceptar os cambios profundos que hai que facer, porque a enerxía é moi aditiva. Os humanos somos moi voraces, consumimos todo o que temos e seguimos producindo. E iso alimenta un sistema económico moi perverso e baseado no crecemento continuo". "Hai aínda un movemento de xente que aspira a que as cousas queden como están, superar a crise e regresar ao estadio previo" -alerta- "Pero nós pensamos que son necesarios cambios máis profundos"

Este temas comezan a aparecer nos debates políticos, sobre todo nas forzas políticas de máis recente creación. "Estamos sendo capaces, como digo eu, de meter pequenas cuñas publicitarias, de petar na súa porta" -destaca Begoña de Bernardo- "Porén, tamén vexo que mesmo nestas forzas segue habendo un certo medo a tratar estes temas abertamente, a levar estas propostas nos seus programas. Por unha banda comezan a falar de decrecemento, pero pola outra ves que seguen dicindo moitas outras cousas moi relacionadas coas vellas formas de facer". "E, por suposto, os partidos tradicionais están completamente instalados na idea de regresar á senda do crecemento", engade.

 

As mulleres, vítimas da crise e protagonistas do novo tempo

"A nosa mirada é tamén crítica con ese feminismo que se desenvolveu dende a revolución industrial, que foi moi necesario e que significou avances moi importantes no plano da igualdade, pero que tamén debe ser revisado"

Nestes debates as mulleres teñen moito que dicir, e deben ser protagonistas, subliña Begoña de Bernardo: "De igual xeito que dende o punto de vista do proletariado se mira esta crise con preocupación, porque pode significar un retroceso nos dereitos adquiridos, tamén dende o punto de vista do feminismo se fai a reflexión de que esta crise pode levar a regresións no plano dos dereitos das mulleres". "A nosa mirada é tamén unha mirada crítica con ese feminismo que se desenvolveu dende a revolución industrial, que foi moi necesario e que significou avances moi importantes no plano da igualdade, pero que foi un feminismo encardinado no produtivismo da era industrial e tamén debe ser revisado, porque ese mesmo concepto de produtivismo e a era industrial no seu conxunto están en cuestión nestes momentos. É moi necesario contribuír ao debate dende o ecofeminismo", defende.

As mulleres son as principais produtoras de alimentos en todo o planeta, xeradoras de vida e coidadoras, destaca Begoña de Bernardo: "O papel das mulleres é absolutamente primordial, polo noso papel como coidadoras da vida, pois somos as mulleres as que ao longo da historia, para ben ou para mal, realizamos eses traballos que son imprescindibles". Neste senso, tamén cre importante sinalar que "dende hai décadas asistimos tamén a unha crise de coidados. Dende a entrada da muller ao mercado laboral para desempeñar eses traballos remunerados e que son os únicos que se consideran 'traballos', moitas das tarefas de coidados deixáronse de facer, porque tampouco foron asumidas polos homes". "O que se fixo foi unha transferencia de coidados dunhas mulleres a outras", engade.

"As primeiras que sofren as consecuencias da crise son as mulleres: son as primeiras que perden os seus empregos, e que regresan a unha certa invisibilización, ao traballo doméstico"

De igual xeito, salienta que as mulleres están entre as principais vítimas da crise: "as primeiras que sofren as consecuencias son as mulleres: son as primeiras que perden os seus empregos, e que regresan a unha certa invisibilización, ao traballo doméstico, que dende o noso punto de vista non é menos importante, pero que para a sociedade si o é, e ademais déixanos nun plano de inferioridade, porque nos resta independencia económica".

 

Dous días de actividades

O sábado 20 destaca a participación da eurodeputada de AGEe Lidia Senra, que ofrecerá unha conferencia titulada "Mulleres no mundo rural. O seu traballo, o seu poder"

O encontro comezará o mesmo venres coa recepción ás e aos participantes. O sábado 20 destaca a participación da eurodeputada de AGEe Lidia Senra, que ofrecerá unha conferencia titulada "Mulleres no mundo rural. O seu traballo, o seu poder". A seguir haberá dúas mesas redondas, dedicadas ao "Indixenismo e bo vivir galego" e á "Maternidade como experiencia empoderante", ademais dun obradoiro sobre sexualidade. O domingo será a quenda da conferencia de María Castelo, de Véspera de Nada, titulada "A crise civilizatoria, os límites do crecemento. Unha visión feminista".

Ademais, pola tarde todas as participantes poderán realizar achegas para conformar unha conclusións comúns para as xornadas. "Quixemos que houbese un momento no que todas e cada unha puidese achegar a súa conclusión particular ao encontro, para elaborar un documento que poida servir para un debate a nivel galego deste enfoque ecofeminista, que debe ser transversal a toda política", destaca Begoña de Bernardo.

Cartaz do I encontro 'Mulleres en Transición' Dominio Público Colectivo Mulleres en Transición

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.