Activistas ocupan a Illa da Creba, na ría de Muros, para reclamar que sexa "devolta a mans públicas"

A ocupación pacífica da Illa da Creba tivo lugar este sábado pola mañá © Plataforma pola recuperación da Illa da Creba

A Plataforma fai un chamamento a todas aquelas persoas que se queiran sumar "á xusta reivindicación de que a illa debe volver a mans públicas" para que se acheguen ata A Creba. Hai embarcacións que partirán dende o porto de Esteiro

Na mañá deste sábado un grupo de activistas ocupou de forma pacífica e simbólica a Illa da Creba, na ría de Muros e Noia, para reclamar que sexa "devolta a mans públicas" e o "cese da privatización e especulación na mesma". A ocupación "pacífica e simbólica" terá unha duración indefinida, destaca a Plataforma pola recuperación da Illa da Creba.

O grupo, conformado por veciños e veciñas de Esteiro (Muros), dende onde partiron, colocou na superficie da illa grandes letras coa mensaxe "A Creba é do pobo". O espazo, privatizado dende hai décadas, "debe ser devolto ao seu lexítimo propietario: o pobo galego, e máis especificamente o pobo de Esteiro” explicou Rodrigo Molinos Bolato, veciño da localidade e voceiro da actual Plataforma pola recuperación da Illa da Creba e do histórico Comité en defensa da Illa da Creba.

A ocupación pacífica da Illa da Creba tivo lugar este sábado pola mañá © Plataforma pola recuperación da Illa da Creba

O grupo colocou na superficie da illa grandes letras coa mensaxe "A Creba é do pobo"

A Plataforma fai un chamamento á veciñanza de Esteiro e a todas aquelas persoas que se queiran sumar "á xusta reivindicación de que a illa debe volver a mans públicas" para que se acheguen este sábado ata A Creba sumándose á esta ocupación simbólica. A entidade informa de que hai embarcacións dispoñibles que partirán desde o porto de Esteiro.

A acción foi apoiada tamén por Galiza Nova, cuxa secretaria xeral da Organización, Marta Gómez, estivo presente este sábado na ocupación da Illa

A Plataforma lembra que “a veciñanza de Esteiro era a propietaria dos terreos comunais da illa até que no ano 1922 se inscribiu como ben privado no rexistro do Concello de Outes". "A partir daquí todo son irregularidades e aberracións permitidas tanto polo goberno do Estado como da Xunta de Galicia, como a construción dunha vivenda ilegal na illa no 1981 ou espigóns, rampa e recheos no ano 1989, ocupando 5.140 metros cadrados de dominio público marítimo terrestre” explica Bolato

A ocupación pacífica da Illa da Creba tivo lugar este sábado pola mañá © Plataforma pola recuperación da Illa da Creba

“O tempo dos señores xa pasou. A Illa da Creba ten que volver ser pública. Non imos parar até conseguilo”, di Rodrigo Molinos Bolato

“Semella que o empresario, que hoxe pretende facer negocio coa Illa da Creba, ten patente de corso e cómplices nos gobernos para facer o que quere coa Illa e nós estamos hoxe aquí para dicirlles que non llelo imos permitir, que queremos decidir nós sobre a nosa Illa e que sexa devolta para uso público”, engade o voceiro da Plataforma, que conclúe: “o tempo dos señores xa pasou. A Illa da Creba ten que volver ser pública para desfrute da veciñanza de Esteiro e do pobo galego en xeral. Non imos parar até conseguilo”.

O BNG presentou no Parlamento unha proposición non de lei para reclamar a devolución da illa á titularidade pública, rexeitada polo PP, que argumentou que se trata dunha propiedade privada e que non presenta "valores naturais" que xustifiquen a súa expropiación

Non é a primeira vez que se leva a cabo unha ocupación da illa. En 1990 unhas 300 persoas reclamaron xa a súa devolución á veciñanza, coa partipación de persoas chegadas de varias localidades da comarca, como Noia e Outes, ademais de Muros, entre eles o alcalde de Noia, Pastor Alonso, do BNG. A reclamación da titularidade pública da illa tomou un novo pulo a partir do ano 2007, cando o Ministerio de Medio Ambiente adquiriu a Illa de Sálvora, demandándose nese momento que fixera o mesmo con A Creba. E o mesmo sucedeu posteriormente coa recuperación para o uso público das illas de Vionta e Cortegada.

Nas últimas semanas o BNG presentou no Parlamento galego unha proposición non de lei para reclamar a devolución da illa á titularidade pública. A proposta, defendida esta mesma semana por Luís Bará, foi rexeitada pola maioría absoluta do PP, que argumentou que se trata dunha propiedade privada inscrita legalmente no Rexistro e que non presenta "valores naturais" que xustifiquen a súa expropiación.

A historia da Illa da Creba

O illote foi sempre unha propiedade comunal ata que en 1922 foi inscrita en favor de Tomás Canay Pérez e Encarnación Gerpe Cantorna no rexistro da propiedade do Concello de Outes, aproveitándose de que illa non fora incluída no inventario do Concello de Muros

A Illa da Creba, cunha extensión de 7,5 hectáreas, sitúase a poucos metros da costa, en Punta Uía, e non lonxe da outra beira da Ría de Muros e Noia, en Portosín, na Península do Barbanza. Dende a Idade Media existiu aquí unha ermida dedicada á nosa Señora da Creba. Mesmo tempo despois de que a capela ficara abandonada e en ruínas, cantigas populares lembraban a súa importancia no imaxinario da poboación da contorna ("Indo polo mar embaixo/ o aire rifoume a vela:/ nosa Señora da Creba/ deume o pano para ela").

O illote foi sempre unha propiedade comunal ata que no ano 1922 foi inscrita en favor de Tomás Canay Pérez e Encarnación Gerpe Cantorna no rexistro da propiedade do Concello de Outes (malia que o deslinde do Instituto Xeográfico Nacional de 1920 a situábaa en Muros) aproveitándose de que illa non fora incluída no inventario do Concello de Muros. Posteriormente, a illa foi vendida ao empresario compostelán Emilio Penas Gerpe.

Nas últimas décadas leváronse a cabo varias construcións na illa, como un inmoble de gran tamaño sobre as ruínas da antiga capela, ademais de erguer un valado e de instalar vixilancia para impedir o paso

Nas últimas décadas leváronse a cabo varias construcións na illa, como un inmoble de gran tamaño sobre as ruínas da antiga capela, ademais de erguer un valado e de instalar vixilancia para impedir o paso, ademais de plantar piñeiros e outra vexetación. Así mesmo, levánronse a cabo obras de construción de espigóns, rampa e recheos que ocuparon máis de 5.000 metros cadrados de dominio público marítimo-terrestre ou a construción dun peirao cunha ocupación de preto de 1.900 metros cadrados de dominio público.

O Bloque denuncia que "un espazo que fora clasificado como 'espazo natural protexido' nas normas complementarias e subsidiarias da provincia da Coruña e que fora recoñecido en 1998 como 'clasificado como solo non urbanizable de Protección de Especies Naturais', continúa hoxe a ser obxecto de obras de pavimentación de vías e de construción de valados de pedra e cemento á beira do mar, sen que ninguén acerte a comprender quen e como se permiten". 

Na actualidade a illa anúnciase en Internet como A Creba, Private Island, definida como “exclusiva vila de luxo atlántica”, nunha web que omite por completo a historia da privatización do illote

Na actualidade a illa anúnciase en Internet como A Creba, Private Island, definida como “exclusiva vila de luxo atlántica”, nunha web que omite por completo a historia da privatización do illote, do que este ano fai un século. Na páxina, na que a illa se ofrece tanto para estadías temporais (con cinco suites dispoñibles) como para acoller eventos como vodas e outros, non se indica o prezo das reservas. A illa, que conta con peirao e con heliporto, anúnciase como "unha homenaxe á vida do mariñeiro".

Web na que se oferta o alugueiro da illa para eventos ou estadías, baixo o título de 'A Creba, private island' © acrebaisland.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.