Acusan a Audiencia Nacional de "criminalizar" o independentismo

Rolda de prensa celebrada está mañá en Compostela Dominio Público Ceivar

Ceivar pronunciouse esta mañá sobre a sentenza da Audiencia Nacional que condena a penas de entre 10 e 18 anos de cárcere a catro persoas acusadas de integrar Resistencia Galega polos delitos de integración en banda terrorista, tenencia de explosivos e falsificación de documentos. A entidade denuncia "a absoluta desproporçom das condenas impostas aos quatro independentistas, engrossadas seriamente pola acusaçom de pertença a banda armada”. E a este respecto sinala que "em nengum momento" quedou probada a "premisa" de que en Galicia actúe unha “organizaçom terrorista” e sinala que "estava fixada antes do início do processo".

Ceivar afirma que "a criaçom jurídica nas salas da Audiencia Nacional dumha organizaçom terrorista supom um gravíssimo salto qualitativo na prática da repressom política sobre o independentismo galego, porquanto abre as portas à criminalizaçom e persecuçom de organizaçons e militantes independentistas". Acusa o xuíz de vulnerar "o direito à defesa dos acusados, convertindo em provas periciais informes políticos de inteligência, expulsando da sala os peritos da defesa, impedindo a contradiçom entre as provas apresentadas, interrompendo constantemente os letrados da defesa e admitindo na sentença o seu desconhecimento da realidade galega ao riscar de inverossímeis factos comuns no nosso país".

Cualifican a decisión da Audiencia Nacional de "sentenza política" e denuncian que "pretende abrir as portas para a criminalización das persoas e organizacións"

Ademais, dúas ducias de colectivos e organizacións, entre elas BNG, EU e Anova, asinaron unha declaración na que cualifican a sentenza de "barbaridade represiva dun punto de vista democrático perpetrada por un tribunal que carece das máis mínimas garantías xurídicas esixíbeis e realiza xuízos políticos". Sinalan que "a creación xurídica, por parte da Audiencia Nacional, dunha suposta organización terrorista a operar en Galiza é, en mans dun Estado obsesionado coa súa propia “integridade territorial” e coa criminalización e persecución dos procesos soberanistas, un instrumento represivo de primeira orde que levanta a veda para criminalizar e penalizar organizacións sociais e políticas de signo nacionalista". Finalmente, cualifican a decisión da Audiencia Nacional de "sentenza política" e denuncian que "pretende abrir as portas para a criminalización das persoas e organizacións", importando para Galicia "deseños represivos derivados da Ley de Partidos".

Estas organizacións convocan concentracións de protesta, que se celebrarán esta tarde en todas as cidades galegas:

Ferrol. Praza Amada Garcia, 21.00

Pontevedra. Praza da Peregrina, 20.30

Compostela. Praza de Galicia, 20.00

A Coruña. Rúa Barcelona, esquina Mercado das Conchiñas, 20.00

Lugo. Praza Maior, 20.30

Ourense. Xardins do Padre Feijoó, 20.00

Vigo. Diante do Marco, 20.00

Rolda de prensa celebrada está mañá en Compostela Dominio Público Ceivar

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.