ADEGA acusa a Xunta de destruír o humidal protexido da Frouxeira

Estado actual da lagoa da Frouxeira CC-BY-SA ADEGA

Con motivo do Día Mundial dos Humidais celebrado esta pasado 2 de febreiro, a Xunta declarou nove lagoas como “zonas sensibles” dentro do Plano Hidrolóxico Galicia-Costa, incidindo en que estes humidais están segundo a Xunta "entre os ambientes máis ameazados pola drenaxe, a contaminación e a sobreexplotación dos seus recursos". Unha desas nove lagoas é a da Frouxeira, en Valdoviño. A pesar desa declaración e da expresada preocupación pola conservación destes espazos, a Xunta ordeou recentemente abrir unha canle de desaugue do humidal con bulldózers e pás e a lagoa está prácticamente seca.

A asociación alerta de que neste proceso non se segue "ningún tipo de criterio ambiental" e que só responde a "intereses urbanísticos"

Denúnciao ADEGA, que considera "indecente" que a Consellería de Medio Ambiente declare a Frouxeira como unha “zona sensíble” cando "é a propia Consellería a que dedica cartos públicos a abrir reiteradamente con maquinaria pesada este humidal para desecalo". A asociación alerta de que neste proceso non se segue "ningún tipo de criterio ambiental" e que só responde a "intereses urbanísticos". En 2009 o Parlamento adoptou un acordo, por unanimidade de todos os grupos políticos, que instaba á Xunta a buscar unha xestión racional e coherente cos obxectivos de conservación do humidal, e a non autorizar, con carácter cautelar, novas aperturas da lagoa.

En 2009 o Parlamento adoptou un acordo por unanimidade que instaba a Xunta a non autorizar, con carácter cautelar, novas aperturas da lagoa

A entidade leva anos denunciando estas prácticas e sinala que "a pretendida 'regulación do nível de inundación' que efectúa a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, vulnera unha vez máis a Directiva Hábitat (DC 92/43/CEE)". A asociación ecoloxista critica que o Plano de Conservación do Humidal en virtude do que se abre a lagoa non foi publicado no DOG. E lembra que "a ocultación deste documento" fixo xa que o Valedor do Pobo admitira a trámite unha queixa contra a Xunta. ADEGA afirma que a Frouxeira "non necesita que se lle declare nada máis do que é, un Humidal de Importancia Internacional, con 4 figuras máis de protección. Só precisa que se lle aplique a normativa ambiental vixente e que a Consellería deixe de actuar á marxe da lei no referente á conservación deste espazo". E conclúe que a Xunta "semella querer acabar cos valores naturais que levaron á protección desta área"

Apertura dunha canle para baleirar a lagoa o pasado mes de novembro CC-BY-SA ADEGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.