ADEGA denuncia un proxecto para buscar 'terras raras' en Castrelo de Miño

Castrelo de Miño CC-BY-SA Farrangallo

"Apostar polo lucro pasaxeiro das terras raras e ficar sen terra, ou apostar polo viño e a conservación do patrimonio e mantela". Esta é a dicotomía que, segundo ADEGA, se abre nestes momentos en moitos espazos de Galicia nos que distintas empresas estudan a explotación mineira de ouro ou das chamadas terras rarasminerais escasos e valiosos. Nesta ocasión, denúnciase o plan da Minas y Geología S.L. para procurar litio, estaño, wolframio, tántalo e nioibio no dereito mineiro 5258 Wolfran Aurense, situado entre Castrelo de Miño, Cartelle, Arnoia e Ramirás.

"Apostar polo lucro pasaxeiro das terras raras e ficar sen terra, ou apostar polo viño e a conservación do patrimonio e mantela"

A asociación ecoloxista pide que a Xunta denegue a autorización do proxecto. Denuncia que a actividade terá "efectos moi negativos no paisaxe rural e no medio ambiente, así como no modo de vida dos veciños de Castrelo de Miño, que sempre valoraron e protexeron esta contorna de especial beleza natural, e que se verán afectados polas vibracións, ruídos e incremento do tráfico pesado no viario municipal". ADEGA salienta que na zona se localizan numerosos elementos de Patrimonio Arqueolóxico, así como catro captacións de auga para abastecemento humano que se verían directamente afectadas.

E por riba de todo ADEGA contrapón esta actividade económica extractiva e que ao seu xuízo xeraría escasa riqueza na zona a outras actividades moito máis compatibles co uso racional dos recursos naturais (vitivinicultura, ecoloxía, turismo verde, pesca, restauración…). Destaca principalmente que o concello de Castrelo de Miño é o maior produtor vitícola da Denominación de Orixe Ribeiro. A día de hoxe conta con máis de 900 viticultores que traballan máis de 500 Has de viñedo, 6 adegas industriais e 18 adegas de colleiteiro, que converten a vitivinicultura no principal e destacado motor económico deste municipio, cun volume de negocio medio superior aos 6.000.000 de euros anuais, e que esta actividade extractiva incompatible coa viticultura poría en grave risco, afectando á maior parte dos veciños deste Concello.

Castrelo de Miño CC-BY-SA Farrangallo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.