En 2006 un incendio na fábrica de produtos químicos Brenntag, en Caldas de Reis, provocou un grave vertido (ácidos, metais pesados, hidrocarburos aromáticos, organoclorados...) ao río Umia, unha catástrofe ecolóxica que acabou coa vida de boa parte da vida animal en sete quilómetros de río nos días seguintes.
No xuízo que se está desenvolvendo en Pontevedra dende este luns acúsase a tres traballadores da planta química dun delicto contra os recursos naturais e o medio ambiente por omisión e imprudencia grave. Ademais, a Fiscalía sitúa como responsables civís solidarios á empresa e a súa aseguradora, AIG Europe, solicitando que lle abonen á Xunta cae dez millóns de euros pola súa actuación para extinguir o lume e mais polos danos ecolóxicos e medioambientais ocasionados.
Para ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) o accidente da Brenntag constituíu "unha clara advertencia ás administracións sobre a lixeireza con que se acepta calquera ubicación para instalar industrias de alto risco para a seguridade, a saúde pública e o medio ambiente" e salienta que "ningún trámite de avaliación ambiental ou protocolo de seguridade minimamente rigoroso podería permitir a instalación dunha fatoría destas características á beira dun río ou ría e próxima a zonas poboadas".
En consecuencia, ADEGA considera que as administracións son tamén responsables polo vertido ao Umia, salientando que "coma noutras tantas ocasións, no banquiño dos acusados non están todos os responsábeis desta desfeita". Os ecoloxistas denuncian que os poderes públicos, lonxe de facer respectar as normas "tenden a flexibilizar a súa interpretación, cando non as recurtan ou desmontan directamente".