Adega premia a loita polo río en Sarria e renega de Sogama cos seus premios de 2014

Unha das manifestacións de protesta polo encanamento do río © Plataforma Sarriana polo Río

A asociación ecoloxista Adega vén de facer públicos os premios Osíxeno e Dioxina cos que cada ano recoñece as actuacións de persoas ou colectivos a prol do medio ambiente ou en contra durante o pasado exercicio. Van xa catorce edicións dun galardón que premia o bo facer pola contorna e o mundo onde vivimos, pero que tamén tira das orellas a aqueles cuxos actos o colectivo considera nocivos.

Os premios osíxeno recaeron na Plataforma Sarriana polo Río, o presidente de Asoar e Xosé Manuel Penas Patiño

Neste 2014, o premio Osíxeno ás mellores actuacións ambientais do ano recaeu, en categoría individual, en Xosé Luís Rodríguez Domínguez, presidente de ASOAR-ARMEGA (Asociación de armadores de artes menores de Galiza) "polo seu incansábel traballo en defensa das nosas costas e da pesca sustentábel". En cato ao colectivo, a galardoada foi a Plataforma Sarriana polo Río, "polo seu compromiso en defensa do bosque de ribeira e do patrimonio de Sarria fronte ao desleixo das institucións".

Ademais, desde 2009 instituiuse tamén o premio Osíxeno de Honra para subliñar toda unha traxectoria de compromiso co ambiente e a cultura do país e que na súa primeira edición recibíu Isaac Díaz-Pardo. Neste caso, o recoñecido é Xosé Manuel Penas Patiño, membro histórico da SGHN e fundador da SGO, pola súa "traxectoria de compromiso coa divulgación e a defensa da natureza".

Os premios Dioxina por accións "nefastas para o ambiente" foron para o presidente de Sogama e Patrimonio da Xunta

En canto aos premios Dioxina ás accións "máis nefastas para o ambiente", o de categoría individual recaeu en Luís Lamas Novo, presidente de Sogama, "pola súa teima na defensa do modelo antiecolóxico, ruinoso e caduco para xestión dos residuos sólidos urbanos que é a Sociedade Galega de Medio Ambiente. Na categoría colectiva, Adega recoñece o errado labor da equipa directiva da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta "polo seu desleixo, abandono e mesmo actuacións agresivas para co noso patrimonio histórico e arqueolóxico en lugares como a Cova de Eirós, Castelo de Monterrei ou os castros da Mariña.

Os premios entregaranse no decurso dun xantar de confraternización que terá lugar o vindeiro sábado 17 de xaneiro a partires das 14.30 horas na Nave de Vidán (Av. Mestra Victoria Míguez, 44, Compostela).

Luís Lamas, entre Raquel Arias e o alcalde de Sober © Xunta
Unha das manifestacións de protesta polo encanamento do río © Plataforma Sarriana polo Río

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.