Adega 'premia' os "responsables políticos" do Prestige dez anos despois da marea negra

Cascos, Fernández de Mesa, Rajoy e Arias Cañete CC-BY-SA Praza Pública

Un ano máis, a asociación ecoloxista Adega vén de fallar os seus premios Osíxeno e Dioxina nas que recoñece, respectivamente, as mellores e peores actuación ambientais deste 2012. Nesta ocasión, o colectivo premiou co Osíxeno en categoría individual a Alfredo López, ex presidente da Cemma (Coordenadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños), mentres que no plano colectivo, o galardón recaeu na Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo. As dioxinas, pola súa banda, fóronlles outorgadas nesta ocasión ao alcalde do Irixo, Manuel Penedo, así como aos "políticos responsábeis da marea negra do Prestige": Mariano Rajoy, Álvarez-Cascos, Aznar, Arias Cañete, Fernández de Mesa e Jaume Matas. No mesmo ditame, Adega concedeu o premio Osíxeno de Honra á platafomra Nunca Máis "polo seu compromiso co ambiente e a dignidade dun país".

Adega premia o labor da plataforma en defensa da ría do Burgo, a Cemma e Nunca Máis

Os premios, dos que van alá xa 12 edicións, pretenden "subliñar as actuacións de persoas ou colectivos a prol ou en contra do patrimonio natural galego". Nesta ocasión, e coincidindo co xuízo polo Prestige que se celebra unha década despois da catástrofe, Adega quixo destacar co seu Osíxeno de Honra a Plataforma Nunca Máis "por termar durante dez anos da dignidade do país e reclamar que se xulgue os verdareiros responsábeis" da marea negra.

Coincidindo co xuízo do Prestige, o colectivo sinala "os responsábeis políticos" da marea negra

Precisamente, Adega concedeu tamén o premio Dioxina aos que considera "responsábeis políticos da marea negra do Prestige" (Mariano Rajoy, Álvarez-Cascos, Arias Cañete, Aznar, Fernández de Mesa e Jaume Matas), xa que "dez anos despois non van ser xulgados por converter un accidente marítimo na maior catástrofe ecolóxica da historia de Galiza".

En canto ao outro galardón "á actitude ou actuación máis agresiva e insustentábel de 2012", na categoría individual Adega destacou o alcalde do Irixo, Manuel Penedo, "polo servilismo e desleixo amosados diante da ameaza que para o ambiente e á saúde dos seus veciños representaba a construción dunha incineradora de residuos no seu concello".

Pola contra, o premio Osíxeno á mellor actuación ou actitude ambiental do ano foi parar a Alfredo López, ex presidente da Cemma, "polo seu labor pioneiro de máis de vinte anos en defensa dos cetáceos e doutros grandes vertebrados dos mares de Galiza". En canto ao colectivo, Adega premia a Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo, "polo seu compromiso incansábel coa rexeneración e o futuro produtivo desta ría".

Os premios, consistentes nun diploma e unha escultura comemorativa de Nacho Porto, entregaranse durante a cea de Nadal de Adega, que terá lugar en Compostela este sábado día 15.

Cascos, Fernández de Mesa, Rajoy e Arias Cañete CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.