Adiado o xuízo contra Emilio Cao pola ausencia dunha axente de polícia clave no caso

Concentración ante os xulgados pola absolución de Emilio Cao Dominio Público @anovagal

Emilio Cao, un mozo do Carballiño de 21 anos de idade, ía ser xulgado este luns en Madrid, acusado de agresión e atentado á autoridade durante unha mobilización das Marchas de Dignidade en 2014, cargos ambos que nega con rotundidade. A Fiscalía pide para el unha pena de 5 anos e 8 meses de cárcere e o pagamento de 600 euros de multa. Pero a vista suspendeuse pola incomparecencia dunha axente de policía que tiña que declarar ante o maxistrado. 

O xuízo foi suspendido pola incomparecencia dunha axente cuxo testemuño é clave porque é a presuntamente agredida por Cao

A axente, testemuña clave porque sería a presuntamente agredida por Emilio Cao, alegou que estaba de baixa por maternidade, Mentres, fóra dos xulgados do penal de Madrid, varias ducias de persoas --entre eles os deputados de En Marea Antón Gómez-Reino, Ángela Rodríguez, Alexandra Fernández e Miguel Anxo Fernán Vello-- apoiaron o mozo galego e pediron a súa absolución. Tamén en Compostela, na praza de Mazarelos, varios estudantes solidarizáronse tamén con el nunha mobilización que se unía á da capital do Estado, a onde se desprazaron varias persoas desde Galicia. 

"Vinme envolto nos disturbios e detivéronme sen xustificación", insistiu Emilio Cao antes de entrar nos xulgados, onde foi apoiado por ducias de persoas

O avogado de Emilio Cao, Enrique Santiago, asegurou que está previsto que outro dos axentes declare por vídeoconferencia no momento no que se fixe unha nova data, unha posibilidade á que se opón porque conta con amosarlle en persoa un momento da detención do mozo galego, onde se comprobaría "que non fixo nada". Do mesmo xeito, o letrado asegura que a axente presuntamente agredida "tropezou e caeu". "Vinme envolto nos disturbios e detivéronme sen xustificación", insistiu Emilio Cao antes de entrar nos xulgados.

 

Solidariedade desde Galicia

A desproporción entre o sucedido e a pena solicitada espertou en toda Galicia unha onda de solidariedade, demostrada xa a finais de 2016 nunha manifestación que percorreu as rúas do Carballiño, que se reproduciu nas últimas semanas nas redes sociais coa etiqueta #AbsoluciónEmilioCao, que chegou a ser trending topic en todo o Estado, ou coa difusión dun manifesto que pide a súa liberdade e cuxas sinaturas están lideradas polas dos alcaldes de catro das sete cidades galegas: os da Coruña, Compostela, Pontevedra e Ferrol. Conta con máis de 700 sinaturas de persoeiros do ámbito político, cultural e artístico do país, entre eles os líderes de En Marea e o BNG, Luís Villares e Ana Pontón. 

Hai xa case catro anos, o 22 de marzo de 2014 Emilio foi detido en Madrid. Daquela tiña 17 anos, estaba integrado no colectivo Estudantes sen Futuro e viaxara á capital do Estado coa Columna Galega das Marchas da Dignidade para participar na masiva manifestación que reclamaba "pan, traballo e teito" no momento máis duro da crise económica. A policía cargou durante o acto final da marcha, mentres aínda falaba Diego Cañamero, e 24 persoas foron detidas, tres delas galegas, entre elas Emilio. "Cóllenme, tíranme ao chan, esmáganme a cabeza co escudo contra o chan. Iso foi complemente innecesario, non había ningunha posibilidade de que eu puidese escapar", lembra. Foi trasladado despois á comisaría, onde non soubo ata o día seguinte de que fora acusado, e sometidos a un trato degradante: "Estivemos moitas horas de pé contra unha parede branca, sen poder falar cos compañeiros que tiñamos ao lado, que estaban tamén detidos".

Hai precedentes recentes que convidan ao optimismo, persoas con acusacións semellantes como a zaragozana Raquel Tenías, detida tamén aquel día en Madrid e para quen a Fiscalía solicitaba catro anos de prisión, foi absolta. Porén, outras situacións incrementan a preocupación, como a condena de tres anos e medio ao rapeiro Valtonyc ou as penas de prisión para os rapaces de La Insurgencia.

O auto inicial do seu caso facía prever unha petición de pena de 5 ou 6 meses, que despois foi elevada pola Fiscalía. “Eses temas asustan bastante. O nivel de represión é tremendo. Vémolo todos os días en Catalunya ou nas condenas a rapeiros, ou nas detencións e condenas por facer murais. A xustiza neste país é cada vez máis un significante baleiro", dicía Emilio Cao días antes do xuízo. "Co nivel de conflitividade social que estamos vivindo, é máis que posible que isto aumente", engadía.

Emilio Cao atende á prensa antes do xuízo Dominio Público @anovagal
Mobilización pola absolución de Emilio Cao en Santiago © Nós TV

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.