Afectados pola hipoteca presionan os deputados galegos do PP para que apoien a ILP

Cartel das plataformas galegas contra os desafiuzamentos © PAH-Vigo-Tui

Os colectivos galegos contra os desafiuzamentos e de afectados pola hipoteca únense para solicitar aos deputados galegos do PP no Congreso que rachen coa súa disciplina de voto e voten a favor da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) pola dación retroactiva, a paralización dos desafiuzamentos e o aluguer social.

"Apelamos á súa conciencia persoal e á súa humanidade ante o sufrimento e a vida da xente. Baixe á rúa e escoite aos afectados. Ata que se vote a ILP vostede pode cambiar de opinión. Veña visitarnos. Se non pode, teremos que achegarnos nós". Así conclúe a carta remitida polos colectivos de Stop Desafiuzamentos da Coruña, Compostela, Lugo, Vilagarcía, Ourense, Ferrolterra e o Barbanza e polas Plataformas de Afectados pola Hipoteca (PAG) de Vigo e O Morrazo aos 14 parlamentarios do PPdeG no Congreso dos Deputados, aos que apelan xa desde o principio para que "coñezan de primeira man e en directo a realidade" á que se ven abocadas centos de milleiros de persoas neste país.

A campaña inclúese dentro do escrache ao que están sendo sometidos os dirixentes e cargos públicos populares para presionalos de cara á votación da ILP, que teñen previsto non apoiar. As plataformas galegas lémbranlle aos deputados que a situación legal en España é "aínda máis incomprensible" se se ten en conta que a dación en pago e o dereito a unha segunda oportunidade "está contemplada na lexislación para as empresas, pero non para as persoas".

"A súa Señoría é perfectamente consciente de que este drama foi ignorado de xeito reiterado polos gobernos de PSOE e PP e que nin o decreto de Boas Prácticas nin a moratoria de desafiuzamentos para casos de extrema vulnerabilidade serviron para resolver o problema", insiste unha carta dirixida a Ana Pastor,Telmo Martín, Paz Lago, Juan de Dios Ruano Gómez, Marta González, Tristana María Moraleja, Antonio Pérez Insua, Antonio Erias, Joaquín María García, María Iglesias, Jaime Olano, Guillermo Collarte, Celso Delgado e Belén Vazquez.

A carta apela á emotividade dos parlamentarios, aos que lles recorda que "se non saben" da realidade que viven milleiros de familias é porque "botan unha venda nos ollos cando sae á rúa ou ignora as novas na prensa sobre persoas desesperadas que tristemente nos deixaron porque xa non puideron máis, pensando que non había saída". "Pero si a hai e a PAH púxoa enriba da mesa", insiste en relación á ILP e facendo referencia tamén á coñecida comparecencia da voceira do colectivo, Ada Colau, no Congreso.

"O silencio ou unha negativa do seu partido á misiva equivale a ignorar o sufrimento de miles de persoas e a vontade dunha incontestable maioría", advirte a carta, que lles recorda aos deputados que "poden respectar as demandas de mínimos recollidas na ILP ou amplialas", pero tamén "votar a favor de perpetuar os privilexios da banca". "Votar a favor da ILP bríndalle unha nova oportunidade para acabar con este drama social, estar á beira do pobo e recuperar parte da lexitimidade perdida", insisten os colectivos galegos, que rematan cunha dura sentenza para os políticos do grupo popular: "Votar en contra ou rebaixala convérteo, aos ollos da maioría, en responsable directo do sufrimento e a dor de miles de familias deste país".

Cartel a favor do apoio á ILP © PAH Vigo-Tui

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.