Os afectados polas preferentes realizaron este venres ás 12 horas a primeira retirada conxunta de fondos da oficina principal de NCG Banco en Compostela, na que entraron ao berro de "non pararemos ata que cobremos". Esta acción, levada a cabo por afectados de diversas plataformas, "pretende sacar un venres cada dúas semanas un 10% do que lle devolveron na arbitraxe ou do que teñen no banco ata intentar sacalo todo" a finais de ano.
A maioría denunciaba a impotencia de moitas das súas situacións: "estamos obrigados a ser clientes dunha entidade que nos estafou" e danlles un voto de confianza: "non serán ladróns, sempre que recapaciten". Ademais de facer a retirada de cartos, entregaron unha reclamación dirixida a atención ao cliente onde explican os motivos da súa acción, e na que piden unha reapertura da arbitraxe e facer constar que a retirada de diñeiro é unha forma de protesta. Pouco antes de entrar a realizar o acto, explicaron os motivos da mesma e animaron os asistentes a realizar tamén unha quita de cartos de NCG Banco e a entregar outro modelo de reclamación en solidariedade cos afectados.
"Pretendemos sacar cada 15 días un 10% do que nos devolveron na arbitraxe ou do que temos no banco ata intentar sacar todo"
O obxetivo desta medida é "facer presión", segundo explicou o portavoz da plataforma de Compostela, Xesús Domínguez, "aínda quedan máis de 500 millóns de euros por recuperar duns 40.000 galegos e galegas estafados e onte, que nós saibamos, foron os últimos chamados da arbitraxe". Foron chamados 37.000 expedientes pero aínda quedan outras 20.000 solicitudes que non foron chamadas. Esta acción estaba prevista para o pasado 26 de xullo, pero foi cancelada tras coñecer o accidente de tren.
As reclamacións irán dirixidas ao banco, ao Fondo de Reestruturación Bancaria (FROB) e ao Ministerio de Economía e solicitarán que se fagan as xestións precisas para que todos os titulares deste tipo de produtos "poidan recuperar todo o seu diñeiro pola vía do arbitraxe". Reclamaron que hai miles de afectados co mesmo perfil que os que xa cobraron e que non foron chamados á arbitraxe. "A que se debe esta desigualdade?", dicía María Dolores Souto, cuxo fillo, nai e irmá están afectados polas preferentes.
Unha manifestación en Sanxenxo pretende trasladar a protesta a onde "os responsables políticos e financieros están de vacacións"
"O problema non está acabado, por moito que o banco queira pechalo", protestou Domínguez. Unha manifestación, este sábado ás 11 horas en Sanxenxo, pretende trasladar a protesta a un lugar onde "os responsables políticos e financeiros están de vacacións". Ademais destas protestas, varias plataformas manteñen as concentracións e as manfiestacións que viñan celebrando até o de agora para que a arbitraxe se estenda a todos os titulares de preferentes e subordinadas, como o caso de Carballo, que volveu saír este xoves en manifestación para recordar "que esta estafa non está resolta". Con estas accións das plataformas conseguiron recuperar case "1.300 millóns dos 1.831 millóns estafados por NCG Banco".