AGE censura que a Xunta exixa "non exercer a prostitución nin a mendicidade" para cobrar a Risga

Juan Fajardo, deputado de AGE © AGE

Alternativa Galega de Esquerda denuncia "que a Xunta controla máis a quen percibe a Risga que a calquera cargo público". O deputado Juan Fajardo compareceu este martes en rolda de prensa para criticar o "reparto da miseria" e a "explotación laboral" que están a "institucionalizar" concellos do PP ao contratar traballadores "sen dereitos" a través da Renda de Integración Social de Galicia (Risga), que cobraron o ano pasado preto de 11.500 persoas.

A Xunta advirte por carta aos usuarios da Risga que "non deben exercer a mendicidade nin a prostitución", segundo AGE

Segundo AGE, nas cartas que remite a Xunta aos usuarios da Risga advírtese da obriga de "non exercer a mendicidade nin a prostitución, nin incidir ou compeler á práctica de calquera delas a ningún membro da unidade de convivencia". “Esta obriga, propia do século pasado, non aparece na lei en vigor”, denuncia Fajardo, que cre que "é absolutamente lamentábel que a Administración deste país siga usándoa”. A actual Lei de Integración Social data do pasado ano e non inclúe nada semellante, segundo asegura AGE.

“O nivel de control e seguimento ao que a Xunta somete a calquera persoa que percibe a Risga, normalmente menos de 400 euros por unidade familiar”, critica con dureza Fajardo, “é moito maior que o de calquera cargo público e político”. Así, lembra que cando un alto cargo toma posesións non lle recomendan “que non pasee con narcotraficantes, que non teña contas en Suíza ou que non quede con cartos públicos”. Segundo o parlamentario de Alternativa, os únicos requisitos que se lle deberan esixir aos perceptores da Risga son os que xa figuran na norma e que se sintetizan nun itinerario de inserción socio laboral.

Alternativa denuncia que varios concellos contratan usuarios da Risga para "funcións laborais con exceso de horas e sen dereitos laborais"

Pola contra, segundo AGE, o que está a acontecer en varios concellos gobernados polo PP achégase "máis a un retroceso a outras épocas en que non existían dereitos laborais". A Xunta, a través dunha orde, habilitou aos municipios para contratar persoas usuarias da Risga e o resultado, expón Juan Fajardo, son “contratos lixo, que non cotizan, e que institucionalizan a opresión e a explotación”. O traballo en brigadas municipais, recrutado sen que o Goberno de Feijóo estabeleza criterios obxectivábeis, é o prato de cada día. “Repártese a miseria e véndese á moto aos explotados”, afirma.

Con ingresos –os da Risga- nunca superiores aos 400 euros por familia, estas persoas "realizan funcións laborais con exceso de horas e sen ningún dereito laboral". “Quedan en mans de alcaldes sen escrúpulos, que no PP os hai e moitos”, alerta Fajardo.

AGE considera “indigno e impresentábel” que a conselleira de Benestar e Traballo se dedique a "pasear por Galiza para tirar fotos con alcaldes e non para", en palabras de Juan Fajardo, “solucionar o peor problema que ten, que hai xente que non pode vivir”. “A Xunta non entende nada do que está a pasar”, conclúe. O grupo parlamentario pedirá por escrito información ao Goberno de Feijóo sobre a utilización da Risga nos concellos.

Juan Fajardo, deputado de AGE © AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.