O Grupo Parlamentar da Alternativa Galega da Esquerda, por medio de Yolanda Díaz e Eva Solla, presentou unha Proposición non de lei para o seu debate plenario con motivo da "inadmisible actitude discriminatoria da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia ao impedir o acceso de persoas con VIH a un ciclo formativo de perruquería impartido no IES Carvalho Calero de Ferrol". Con esta proposición para o debate queren "evitar" este tipo de discrimnación no acceso a bens e servizos participados pola Xunta de Galicia.
Segundo AGE tiñan a obriga de presentar un certificado médico que acreditase que a persoa non padeza ningunha enfermidade infectocontaxiosa, estando catalogada a infección do VIH nese rubro, para poder acceder ao curso. O grupo parlamentar denuncia que a administración pública galega "incorre nunha flagrante contradicción" xa que na documentación da Consellería de Sanidade fixeronse documentos nos que baixo o lema "A infección polo VIH e a SIDA, previr é posible, de nós depende", deixaban claro que o VIH non se transmite por compartir espazos, asistir a unha mesma clase ou mesmo compartir un lugar de traballo. Porén, Alternativa Galega da Esquerda pregúntase "cómo se vai lograr a integración sociolaboral con prácticas administrativas deste calado e cantas outras accións formativas poden estar a incluir esta discriminación e vulneración de dereitos".
"Cómo se vai lograr a integración sociolaboral con prácticas administrativas deste calado?"
Na Proposición non de lei, instan ao goberno galego a que cumpra a décima directriz internacional de Nacións Unidas sobre o VIH/SIDA e Dereitos Humanos e "elabore un catálogo de normas para os sectores públicos e privados e de procedemento respeito do VIH/SIDA dirixida aos grupos profesionais e funcionariado público". Esta directriz demanda que se analice e reforme a lexislación sanitaria para evitar aplicacións indebidas no que atinxe a esta enfermidade e ademais, o propio ordenamento legal en España considera discriminatoria o impedimento ao acceso de calquer servizo "por padecer unha doenza infecciosa sen ter en conta as vías de transmisión".
O grupo parlamentar lembra a reivindicación que levan facendo desde fai anos as ONG,s e asociacións da Coordinadora Estatal da VIH/SIDA, CESIDA, para que o VIH sexa considerada unha enfermidade infecto transmisible, "o que suporía unha definición correcta que evitaría discriminacións e exclusións no acceso a bens e servizos como os que está a levar a cabo o goberno galego"