AGE e BNG apoian dende o Parlamento as 'Marchas da Dignidade'

Representantes das 'Marchas da Dignidade' presentaron a mobilización este xoves no Parlamento Dominio Público Anova

"Pan, traballo e teito". Con ese lema as Marchas da Dignidade levan meses mobilizadas, enchendo en marzo as rúas de Madrid nunha manifestación masiva, rodeando en xuño o Parlamento galego e, agora, buscan encher a praza do Obradoiro o vindeiro 29 de novembro. Este xoves representantes das marchas recolleron na cámara galega o apoio expreso dos grupos parlamentarios de AGE, BNG e mixto ás mobilizacións.

Ao redor de vinte representantes das máis de 60 organizacións que compoñen as marchas reuníronse con Xosé Manuel Beiras, Yolanda Díaz, Eva Solla e Xabier Ron (AGE), Francisco Jorquera (BNG) e Consuelo Martínez (Grupo Mixto). Jorquera expresou ese apoio en nome do grupo parlamentario do que é voceiro argumentando que así lle foi dirixida a convocatoria; no entanto, comprometeuse como membro da executiva nacional do BNG a manter unha xuntanza coas marchas en breve, e sempre antes do día 29, para fixar unha posición como organización.

Tras reunirse cos representantes políticos, Manolo Caamaño destacou en declaracións aos medios o apoio recibido por estes grupos parlamentarios e fixo un chamamento á participación do "pobo galego indignado" e "á clase traballadora". Outros representantes das marchas pediron a unión das orgazanizacións partidaria e dos sindicatos "na loita contra a troica" e confirmaron que non solicitaran un encontro co grupo do PSdeG-PSOE pois os socialistas "escolleron asinar para pagar a débeda antes que para dar resposta ás necesidades do pobo".

"Loitamos polos nosos dereitos, e seguiremos a loitar mentres non consigamos cambiar un sistema inxusto e antidemocrático e devolver o poder ás persoas, sometendo ó poder político á vontade popular. Loitaremos por ter pan, traballo e teito para o noso país", deste xeito pechábase o manifesto lido polas Marchas da Dignidade o pasado 21 de xuño, e unha mensaxe semellante guiará a mobilización do vindeiro día 29, unha "mobilización unitaria e masiva contra o pago da débeda, polo emprego digno, polos dereitos sociais, polas liberdades democráticas, contra os recortes, a represión e a cor upción, pola renda básica, por unha sociedade de muleres e homes libres; unha mobilización contra un réxime e uns gobernos que nos agreden e non nos representan", como destacaba o escrito entregado este xoves no Parlamento.

Nos días anteriores ao 29 seis marchas percorrerán a pé Galicia, partindo dende Ferrol, Viveiro, O Barco, Verín, Tui, Gondomar, Ponteareas e Noia, confluíndo nalgúns casos e chegando a Compostela na mañá dese sábado 29. Entrarán na cidade por cinco camiños distintos, chegando ao Obradoiro ás doce do mediodía. Ademais, o domingo pola mañá partirán autobuses dende varias cidades do país, buscando facer desta unha mobilización masiva. Nalgúns casos, coma o da columna sur, que parte das comarcas do Baixo Miño, O Condado e Vigo, a andaina xa comezará o vindeiro sábado 22. Noutros territorios do Estado, algunhas marchas veñen de iniciar estes días o seu camiño.

E é que, en paralelo ás mobilizacións galegas, ao longo desa semana (entre o 24 e o 29 de novembro) en todo o Estado as Marchas de la Dignidad convocan distintas accións de protesta: en defensa do emprego, pola renda básica, contra os recortes nos servizos públicos, contra o pagamento da débeda, contra o TTIP e, de forma moi especial, o 25 de novembro contra a violencia machista. O 29 de novembro haberá manifestacións en todos os territorios do Estado.

Representantes das 'Marchas da Dignidade' presentaron a mobilización este xoves no Parlamento Dominio Público Anova
As 'Marchas da Dignidade' reuníronse cunha representación dos grupos de AGE, BNG e mixto Dominio Público Anova
Faixa das 'Marchas da Dignidade', ás portas do Parlamento Dominio Público AGE
Mapa das marchas que confluirán en Compostela Dominio Público Marchas da Dignidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.