Os grupos parlamentarios de BNG e AGE veñen de solicitar coxuntamente á Mesa do Parlamento que o conselleiro de Educación e Cultura e mais o de Industria informen no Parlamento sobre o proxecto industrial e estratéxico da polémica mina proxectada en Corcoesto. Concretamente, Alternativa solicita a Jesús Vázquez que explique "as razóns da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia para emitir un ditame favorable relativo á área de protección arqueolóxica na que se desenvolve".
O deputado de AGE, Antón Sánchez, denunciou xa o pasado mércores o que considera "unha nova vía de saqueo e espolio", así como "o brutal ataque á riqueza medioambiental e ecolóxica do país qeu supón o proxecto mineiro" e que, tal e como denuncian Alternativa e Bloque, "conta coa complicidade da Xunta de Galicia". Así, o BNG considera que o Goberno "ten que dar contas, sen máis demoras, de que intereses ten o presidente Feijóo neste proxecto" e "por que mente cando fala dos postos de traballo que se van crear ou por que presume do tratamento de favor que se lle deu á empresa canadiana responsábel".
BNG e AGE piden á Xunta que "dea conta, sen máis demoras, dos intereses de Feijóo neste proxecto"
Carlos Aymerich, vicevoceiro do BNG, lembra que mentres Europa avanza cara á prohibición das minas a ceo aberto e da minería con cianuro, "a Xunta abre insensatamente o país á espoliación dos seus recursos". Ademais, recorda que a firma canadiana presentou a solicitude como "proxecto industrial estratéxico" e "coincidindo casualmente coa promungación dunha nova lei de industira que abrevia a tramitación en detrimento da transparencia e da participación cidadán, alén de facilitar a inobservancia da normativa ambiental, paisaxística e patrimonial".
Os deputados de AGE destacaron tamén que este proxecto foi cualificado como estratéxico pola Xunta, o que supón entre outras cousas que "poden deixar fóra os concellos, xa que poderían saltarse o trámite de enviarlles toda a información e informes relativos ao mesmo".
O proxecto foi declarado "estratéxico" pola Xunta, o que permite á compañía saltarse importantes trámites
“A Xunta está engando a cidadanía ocultando os danos ambientais e impactos sociais que terá este proxecto aproveitándose da crise actual e da necesidade de traballo da xente, pero nin tan sequera no tema dos postos de traballo que vai suponer a execución do proxecto din a verdade", lembra Alternativa, que ao igual que o BNG denuncia as "cifras falsas" que achega Feijóo, que fala de case 1.400 empregos, mentres a propia empresa tan só recoñece 271, dos que tan só 138 serían directos.
A plataforma contraria á mina e numerosos movementos sociais e ecoloxistas xa denunciaran as "falsidades" das que fachendeaba Feijóo respecto do proxecto.
