"Agustín Hernández foi o xestor da deconstrución do medio ambiente galego"

Toma de posesión de Ethel Vázquez, esta mañá © Ana Varela

“Hernández entrou na Consellaría como un técnico, xusto o mesmo que din da nova conselleira, e saíu como un político”, destaca Fins Eirexa (ADEGA), á hora de valorar o traballo realizado polo novo alcalde de Santiago de Compostela na carteira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Unha valoración, que tanto por parte das entidades ecoloxistas coma polas forzas políticas da oposición, é moi negativa, sobre todo no que atinxe á protección da natureza. Na súa toma de posesión, este mércores pola mañá, Ethel Vázquez Mourelle, que xa viña colaborando con Hernández no departamento, anunciou unha xestión "continuísta", na que a aprobación da nova Lei do Solo será fundamental e na que buscará "compatibilizar" a "posta en valor dos nosos recursos coa conservación do medio”

"Xa o dixemos no seu momento: estando xuntos os tixolos e o cemento co medio ambiente, o que leva as de perder é a natureza”

Fins Eirexas é moi crítico co traballo realizad por Agustín Hernández: “Hernández dedicouse a xestionar a deconstrución da protección ambiental, do medio ambiente galego, e a facer que determinados proxectos agresivos: mineiros, de infraestruturas, etcétera, tiveran as menores dificultades ambientais posíbeis”. “Entrou para xestionar unha consellaría complicada, con múltiples competencias, na que o medio ambiente era a última das prioridades. Xa o dixemos no seu momento: estando xuntos os tixolos e o cemento co medio ambiente, o que leva as de perder é a natureza”, engade.

Plano do Litoral, Plano Director da Rede Natura, o urbanismo, os residuos. Moitos puntos negros nunha xestión de tres anos, que Eirexas define como "un mandato de xestos para a galería que no fondo estaban carentes de significación e de contido". Refírese a algúns proxectos "aos que se lles deu moito bombo, coma o Plano do Litoral, ou do Plano Director da Rede Natura", e que -di- "resultaron ser outro cúmulo de discrecionalidades e do ti vai facendo pasados polo 5.0 da modernidade, absolutamente permisivo”. "Foi o xestor da deconstrución do medio ambiente galego, pero foi hábil para dar unha imaxe de que se facía algo, a través dunha serie de normas comprometidas e novidosas en aparencia, pero que tras o seu verniz mediático non tiñan nada, e que mesmo eran regresivas", conclúe.

 

Rede Natura

A aprobación do Plano Director da Rede Natura, en marzo, recibiu fortes críticas dos grupos ecoloxistas. Un documento que en principio debería incrementar a protección destes espazos, en realidade "fai regra do que debería ser unha excepción, considera como permitido o que debera ser autorizábel e como autorizábel o que debera estar prohibido, co obxectivo de baleirar de contido as proteccións ambientais", sinalaba daquela ADEGA. Na práctica, redúcese case á metade a superficie que goza dunha protección especial: na proposta de 2008 as zonas de uso restrinxido e uso moderado sumaban o 67,6% do territorio da Rede Natura Galega. No Plan Director aprobado esta semana a área de conservación só abrangue o 26,4%.

Minas, canteiras ou parques eólicos xa existentes en zonas da Rede Natura poderán estender a súa superficie e impacto, legalizando mesmo os que neste momento non contan con autorización

Minas, canteiras ou parques eólicos xa existentes en zonas da Rede Natura poderán estender a súa superficie e impacto, legalizando mesmo os que neste momento non contan con autorización. Tamén se permitirán en toda a Rede Natura as instalacións de producción acuícola. Mesmo a minaría a ceo aberto, en teoría prohibida, será posible en espazos da Rede Natura, xa que fican excluídas da prohibición non só ás explotacións xa outorgadas senón tamén ás solicitadas. "O Plan Director abre a porta a todo o tipo de actividades e actuacións incompatibles co espírito da norma e coa directiva europea de Hábitats. Hernández soubo pasar por riba da directiva para que actividades mineiras ou acuícolas poidan prevalecer sobre a protección ambiental", salienta Fins Eirexas.

As entidades ambientalistas tamén sinalan que Galicia é a comunidade autónoma cunha menor superficie integrada na Rede Natura, cun 15% do espazo total. A media do Estado español sitúase por riba do 28%, con todas as autonomías (agás Galicia) por riba do vinte por cento. Agustín Hernández e Alberto Núñez Feijoo comprometéranse a ampliar, aínda que fose minimamente, a superficie que abrangue a Rede Natura, unha promesa que tamén figuraba no seu programa electoral. Porén Hernández dixo recentemente que "non tocaba" nesta lexislatura, despois de que o proxecto xa superara unha longa tramitación, de máis de tres anos, e de que só restara levalo ao Consello da Xunta.

"O Plan Director abre a porta a todo o tipo de actividades e actuacións incompatibles co espírito da norma. Hernández soubo pasar por riba da directiva para que actividades mineiras ou acuícolas poidan prevalecer sobre a protección ambiental"

Outro aspecto moi críticado é o Plano do Litoral, que para Eirexas deixa o camiño "expedito para que se Pescanova resucita, ou cando os fondos europeos de pesca, como parece que será, volvan dedicar grandes sumas de diñeiro á acuicultura industrial, estas industrias se poidan instalar nas nosas costas sen ningún tipo de límite". ADEGA tamén criticou o Plano Director de Acuicultura, no que a Xunta "persiste en apoiar o sistema Pescanova, un modelo fracasado baseado na especulación, o produtivismo e a desregulación ambiental, cunha ínfima creación de postos de traballo".

 

Urbanismo e Lei do Solo

Na súa toma de posesión, este mércores, a nova conselleira Ethel Vázquez fixou a aprobación da nova Lei do Solo como o seu principal obxectivo no que queda de lexislatura. "A deconstrución lexislativa vai concluír coa nova Lei do Solo", opina tamén Fins Eirexas, que define o proxecto como "o asalto último ao solo rústico, crear as situacións favorábeis para unha nova burbulla". A proposta caracterízase polo seu carácter liberalizador e descentralizador, reducindo a protección dos solos rústicos, facilitando a realización de actividades económicas en solo protexido, dotando os concellos de maior competencia no eido urbanístico, e reducindo de seis a tres anos o prazo para a tramitación dos plans urbanísticos. Ademais, serán legalizadas, sen sanción ningunha todas aquelas canteiras, minas, aserradeiros e fábricas que até o de agora viñan funcionando sen licenza en solo rústico protexido. A única condición é que a súa actividade fose anterior ao 1 de xaneiro de 2003.

ADEGA liga o proxecto da nova Lei do Solo, ao "fracaso" do Goberno galego no intento "de legalizar pola vía dos proxectos sectoriais supramunicipais as barbaridades de Barreiros"

ADEGA liga o proxecto da nova Lei do Solo, ao "fracaso" do Goberno galego no intento "de legalizar pola vía dos proxectos sectoriais supramunicipais as barbaridades de Barreiros". En xuño do pasado ano o TSXG anulou o plan que avalaba a dotación de servizos como saneamento e rede viaria ás vivendas, moitas delas declaradas ilegais, un proxecto dotado con 14 millóns de euros dos que o 40% saían das arcas da Xunta, o 10% da Deputación de Lugo e o resto, do Goberno central e dos promotores, e que tivo a forma de plan de incidencia supramunicipal. Segundo o Tribunal, non só non existía tal supramunicipalidade senón que ademais a Xunta incorrera nun suposto de "desviación de poder". "Saíulle mal porque dende ADEGA fomos ao TSXG e este convenio entre Concello, Deputación e Xunta non foi posible, porque era ilegal", engade Eirexas, que insta a Xunta a "abandonar o modelo Sanxenxo e o modelo Barreiros". "Non o quixeron facer e así lles foi. Como lles saíu mal o de Barreiros, cambian de baralla e pretenden aprobar unha nova lei do solo", di.

"Veremos cal é a súa actitude con respecto a todo o conflito de Sogama, se hai unha reorientación de todo ese modelo fracasado, caduco e caro"

Esta xestión do urbanismo será unha das "liñas vermellas" que ADEGA considera que non se deben superar dende a Consellaría de Medio Ambiente. "Ímonos reunir con ela despois de que tome posesión e ímoslle pedir que tome en serio o feito de ser a conselleira de Medio Ambiente", afirma Fins Eirexas. Ademais da política urbanística, Eirexas cre que "a cuestión ambiental debe mudar de arriba a abaixo". "A Rede Natura debe estar á altura dos valores ambientais que temos, somos a comunidade autónoma con menor superficie en porcentaxe e a ampliación é moi urxente. E é urxente tamén o desenvolvemento dos programas de xestión para cada espazo protexido", indica.

Ademais, sinala como clave no tempo que resta de lexislatura a cuestión dos residuos: "Veremos cal é a súa actitude con respecto a todo o conflito de Sogama, se hai unha reorientación de todo ese modelo fracasado, caduco e caro, e do que agora os concellos se están arrepentindo, porque lles chega a factura e as consecuencias de tantos anos de incineración e de entreguismo a Gas Natural-Fenosa".

 

Máis valoracións críticas

A Asociación Para a Defensa da Ría denunciou a "connivencia" e mesmo a "dependencia" do Goberno galego con respecto á industria pasteira

Coñecido o relevo á fronte da Consellaría, varias entidades e plataformas que traballan na defensa do medio ambiente realizaron unha valoración da xestión de Agustín Hernández, moi negativa na maioría dos casos. A Asociación Para a Defensa da Ría denunciou a "connivencia" e mesmo a "dependencia" do Goberno galego con respecto á industria pasteira, como explicación para as políticas que favorecen o mantemento de ENCE no interior da Ría de Pontevedra. 

De igual xeito, a Plataforma en Defensa do Sector Marítim Pesquero de Galicia cualificou de "moi grave e totalmente deficiente" a xestión de Hernández, que "deixou un mal sabor de boca e destrución da protección do Medio Ambiente en Galicia, xestións que nunca negociou co sector". Así mesmo, a deputada do BNG, Ana Pontón destacou este mércores o “perfil privatizador” de Ethel Vázquez e lamentou que o seu nomeamento "non represente un cambio radical nas políticas de Medio Ambiente". Pontón cre que Vázquez aplicará "as directrices políticas do seu antecesor privilexiando o ladrillo e o lobby da construción” ademais de reducir a “algo residual” as políticas de medioambiente.

Agustín Hernández, no Parlamento © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.